Dirixe a área de Conectividade Intelixente de MWCapital e impulsou o Observatorio Nacional 5G e a iniciativa 5G Barcelona para fomentar a evolución, o despregue e o desenvolvemento desta tecnoloxía co obxecto de mellorar a calidade de vida das persoas
Recollerá a distinción na gala da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Traxectoria Profesional da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” deste 2023 ao enxeñeiro en informático Eduard Martín “pola súa traxectoria de máis de 30 anos liderando iniciativas e proxectos en organizacións de vangarda, de carácter público e privado, e polo seu traballo incansable na defensa da profesión de enxeñaría en informática, como se demostrou, por exemplo, co seu posto de decano ao fronte do Col·legi Oficial d'Enginyeria Informàtica de Catalunya”.
O galardón entregarase na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
Eduard Martín Lineros (Barcelona, 1965) é CIO –responsable dos sistemas e das tecnoloxías da información– e director de Conectividade Intelixente da Fundación Mobile World Capital Barcelona desde xaneiro de 2019, onde impulsou o Observatorio Nacional de 5G, a iniciativa 5G Barcelona e os proxectos tecnolóxicos da Mobile World Capital Barcelona. “El objetivo es convertir Barcelona, Cataluña y España en uno de los hubs digitales más importantes del mundo. Impulsamos la evolución, el despliegue y desarrollo de la tecnología 5G para mejorar la calidad de vida de las personas” –explica–.
Eduard Martín é enxeñeiro en informática e enxeñeiro técnico en Informática de Sistemas pola Universitat Oberta de Catalunya (UOC), e diplomado en Tecnoloxías da Información por Cambridge (UCLES). Posúe un certificado en xestión da innovación pola IESE Business School e conta cunha experiencia de máis de 30 anos no sector TIC, tanto no ámbito público como no privado.
Con relación a súa traxectoria profesional, Martín traballou durante máis de 27 anos para o Ayuntamiento de Barcelona, sendo finalmente director de Innovación, Sociedade do Coñecemento e Arquitecturas TIC. Máis tarde, incorporouse a Sopra Steria, unha consultora internacional enfocada na transformación dixital, na que ocupou o cargo de director de Cidades Intelixentes e Estratexia para o sector público durante dous anos alternando esta actividade coa de profesor colaborador en varias universidades (Universitat Oberta de Catalunya, Universitat Politècnica de Catalunya e Universitat de Lleida). Ademais, foi decano do Col·legi Oficial d'Enginyeria Informàtica de Catalunya desde abril de 2016 ata abril de 2023 e, actualmente, é presidente da Asociación de Profesionais das TIC de Cataluña, entre outros cargos de importancia en asociacións profesionais.