Este departamento, creado hai un ano, puxo en marcha iniciativas innovadoras, como a Rede de Polos de Emprendemento na que se usan ferramentas intelixentes, e outras accións para impulsar a inclusión e a igualdade
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recollerá o recoñecemento na gala da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Iniciativa da Administración da “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” de 2023 á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, dependente da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia. Esta Dirección Xeral, de nova creación, é merecedora desta distinción por pilotar diferentes iniciativas de emprendemento innovador, desde o punto de vista das TIC, a inclusión e a igualdade.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade modificou a súa estrutura hai un ano ao amparo do Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, unha norma que fixa unha Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, e, dependente desta, unha Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.
A Secretaría Xeral participa na elaboración das estratexias e dos plans anuais de políticas de emprego. Tamén está na elaboración e deseño de instrumentos e medidas que contribúan a evitar situacións de falta de estabilidade do emprego. En definitiva, ten atribuídas a dirección, coordinación, control e execución das competencias da Comunidade Autónoma en materia de apoio, fomento e mantemento do emprego, traballo autónomo, cooperativas e economía social e apoio á integración laboral das persoas con discapacidade ou en situación de vulnerabilidade. Ademais, da Secretaría depende a convocatoria e execución doutras axudas ou actuacións derivadas de plans estatais, autonómicos ou europeos para a creación de emprego, por conta propia ou allea, e ao seu mantemento.
Pola súa parte, a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego asume as competencias de apoio ao emprendemento durante todas as fases da actividade emprendedora, é dicir, tanto as actuacións necesarias para o comezo da actividade, como a súa realización efectiva posterior, incluíndo a implantación e mantemento, con servizos de asesoramento e mentoring.
Tamén lle compete a creación, posta en marcha, xestión directa e indirecta e coordinación da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia; o impulso e a coordinación dos espazos de coworking e viveiros que permitan acelerar e situar no mercado pequenas empresas e contar cun único instrumento integrador de empresas xeradoras de emprego de calidade.
Esta Dirección Xeral encárgase do impulso e coordinación da creación e desenvolvemento de produtos e procesos innovadores, no marco do emprendemento makers de Galicia, e tamén do emprego xuvenil, así como do fomento do emprendemento no eido educativo nas súas distintas modalidades.
A Rede ten activos actualmente oito polos que empregan a ferramenta SIE para a análise territorial do mercado, dos sectores e das necesidades da contorna
A Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Galicia ten un enfoque innovador que aposta por proxectos de emprendemento efectivos:
• Identifica as necesidades e oportunidades para emprender que presenta cada un dos territorios.
• Detecta actividades económicas con potencial que xorden en cada territorio para saber onde é máis efectivo emprender.
• Fomenta proxectos que permitan desenvolver novos sectores innovadores para dinamizar a contorna e crear sinerxías co tecido empresarial existente.
A Rede está composta por 15 polos –8 activos actualmente– que incluirá un espazo de coordinación en A Coruña. Este local, que abrirá as súas portas antes de finais de ano, disporá dunha área específica de coworking adaptada para o emprendemento de persoas con discapacidade, coas tecnoloxías máis modernas á súa disposición, un modelo que a Xunta aspira a replicar en toda a rede. Tamén a Rede de Polos introduce ferramentas intelixentes para o desenvolvemento de proxectos, onde as tecnoloxías son esencias para acadar a maior información posible para emprender. Así, emprégase SIE, unha ferramenta de análise territorial da contorna coa que se pode coñecer información de valor:
• Os detalles do mercado e a estrutura produtiva do territorio no que se quere emprender.
• Información do sector industrial e económico no que se vai desenvolver a actividade.
• Oportunidades de desenvolvemento empresarial para emprender en base ás necesidades do territorio.
Por último, o Consello da Xunta vén de aprobar no mes de maio o proxecto de Lei de Igualdade, que está agora en trámite parlamentario. No texto, composto por preto de 200 artigos, faise especial fincapé no concepto de sustentabilidade social empresarial e a necesidade de que as empresas melloren o seu compromiso cos equipos diversos, de xénero, pero tamén de persoas con distintas capacidades. Tamén a Lei reforza e impulsa as accións para incorporar ás mulleres ao sector TIC e na formación en todos os sectores nos que están infrarrepresentadas.
O galardón entregarase na “XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 16 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, recollerá a distinción no acto de entrega de premios. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.