O departamento explica que coa ‘Estrategia de Salud Digital’ aspírase a contribuír ao mantemento dun bo nivel de saúde na poboación española e a fortalecer o sistema sanitario público mediante a capacidade transformadora das tecnoloxías dixitais
O ministro, José Miñones, recollerá a distinción na gala da ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 16 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Especial CPEIG da ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2023 ao Ministerio de Sanidad polo seu traballo no desenvolvemento de proxectos de dixitalización para alcanzar unha “saúde de vangarda”.
O Ministerio de Sanidad está completamente comprometido coa ‘Europa de la Salud’, o futuro espazo europeo de datos sanitarios considerado como un dos pilares centrais da transformación dixital da Unión Europea. Co seu desenvolvemento, vaise mellorar a prestación de asistencia sanitaria en toda Europa.
Así, a través da ‘Estrategia de Salud Digital’ do Sistema Nacional de Salud aspírase a contribuír ao mantemento dun bo nivel de saúde na poboación española e a fortalecer o sistema sanitario público mediante a capacidade transformadora das tecnoloxías dixitais. Co avance da dixitalización, a cidadanía poderá, entre outras novidades, dispor dunha historia clínica europea ou da interoperabilidade entre diferentes sistemas de saúde grazas a unha rede de nodos.
A ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”’’ celebrarase este vernes, 16 de xuño, no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago e o ministro de Sanidad, José Miñones, recollerá a distinción. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.