Pasar al contenido principal

O CPEIG celebra mañá a súa ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ en Santiago con máis de 350 convidados, na que se entregarán os premios anuais da profesión

XV Noite CPEIG_ Luis Piedrahita

O evento estará presentado polo humorista e ilusionista coruñés Luis Piedrahita, que ofrecerá un monólogo e un truco de maxia ao auditorio, e contará coa actuación da banda de rock e soul Broken Peach

O CPEIG celebra mañá venres, día 16 de xuño, a ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’, unha gala que terá lugar no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, a partir das 19:00 horas, e na que se entregarán os premios anuais da profesión. Está previsto que máis de 350 convidados asistan ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do sector. A Noite é xa unha gala consolidada onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. 

Esta décimo quinta edición será inaugurada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e contará coa asistencia do ministro de Sanidad, José Miñones; o concelleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Prado; a secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Covadonga Toca Carús; o delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior do Concello da Coruña, José Manuel Lage Tuñas; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago (USC), Gumersindo Feijoo Costa; o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; a directora da Agencia Española de Protección de Datos, Mar España Martí; e o secretario do Consoo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática (CCII), José García Fanjul; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exercerán como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.

A gala será conducida por Luis Piedrahita (A Coruña, 1977), artista multidisciplinar, humorista, escritor, ilusionista, presentador e director de cine. É colaborador e guionista do programa de entretemento con máis audiencia da televisión española: El hormiguero 3.0, onde presenta os seus monólogos e maxia antes personalidades invitadas como Tom Cruise, Gwyneth Paltrow, Will Smith, Denzel Washington ou Jennifer Aniston, entre outros. Os seus inicios foron como colaborador e guionista do programa pioneiro do stand-up comedy en España, El club de la comedia. Foi tamén director, guionista e mago do programa televisivo Nada por aquí. Escribiu, dirixiu e produciu coa súa compañía, Producciones El Espectador, varios espectáculos de humor. As súas últimas creacións son Es mi palabra contra la mía, Las amígdalas de mis amígdalas son mis amígdalas e El castellano es un idioma loable, lo hable quien lo hable. Así mesmo, Piedrahita en coprodución co Teatro Real de Madrid, desenvolveu dous espectáculos musicais para nenas e nenos, dous contos sinfónicos escritos e narrados polo artista acompañado dunha orquestra sinfónica. 

Tamén se contará coa actuación da banda de rock e soul Broken Peach. formada a principios de 2009 para crear unha nova forma de fusionar a música co entretemento a través da interpretacións de covers, nos que tamén inclúen algúns  mashups, todo vestido cunha estética extravagante, dando una frescura visual aos seus shows en vivo.

Premios da ‘XV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’

Premio Iniciativa Emprendedora
O enxeñeiro informático Diego Cid recibe esta distinción por lograr que se poida usar o DNIe en móbiles co sistema operativo iOS mediante unha conexión NFC para diferentes trámites coa administración pública.

Premio Ada Byron, dirixido a mulleres enxeñeiras en Informática
A enxeñeira informática Verónica Bolón recibe esta distinción polos seus traballos de investigación en intelixencia artificial sostible e a súa aposta polo fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas como coordinadora do nodo da Coruña do proxecto Inspira STEAM, no que científicas e tecnólogas imparten charlas a estudantes de 6º de Primaria e 1º da ESO sobre as STEM ou os estereotipos de xénero.

Premio Traxectoria Profesional
A distinción recaeu en Eduard Martín, CIO da Fundación Mobile World Capital Barcelona, polo seu “liderado de proxectos en organizacións de vangarda e o seu traballo incansable na defensa da profesión de enxeñaría en informática”. Dirixe a área de Conectividade Intelixente de MWCapital e impulsou o Observatorio Nacional 5G e a iniciativa 5G Barcelona para fomentar a evolución, o despregue e o desenvolvemento desta tecnoloxía co obxecto de mellorar a calidade de vida das persoas.

Premio Especial CPEIG
-Distínguese nesta categoría ao Colegio de Ingenieros en Informática de Asturias pola súa loita para a inclusión dos enxeñeiros en informática no corpo de enxeñeiros na Ley de Empleo Público da autonomía.

-Recibe a distinción o Ministerio de Sanidad polo seu compromiso coa "Europa de la Salud", espazo europeo de datos sanitarios, para mellorar prestación de asistencia sanitaria en toda Europa.

Premio Iniciativa Empresarial
Navantia recibe este recoñecemento polo seu proxecto ‘Astillero 4.0’, aposta de futuro pola innovación e a tecnoloxía de vangarda. Incorpora tecnoloxías intelixentes –catorce ferramentas habilitadoras como Big Data, vehículos autónomos, robótica, Intelixencia Artificial, Blockchain, 5G ou drones– para alcanzar unha maior competitividade e sostibilidade.

Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino
Recibe o galardón Code.org, a plataforma formativa en programación máis grande do mundo, destinada para que cada estudante en cada escola do mundo teña a oportunidade de aprender informática.

Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)
O proxecto "Calvo Residuo Cero", da compañía galega Grupo Calvo, recibe esta distinción por ser una iniciativa global destinada a conseguir unha xestión sostible de todos os residuos xerados, tanto en fábricas como en oficinas, asegurando un mínimo impacto na contorna e a contribución efectiva a un proceso de economía circular.

Premio Iniciativa da Administración
Distínguese á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, departamento creado hai un ano, que puxo en marcha iniciativas innovadoras, como a Rede de Polos de Emprendemento na que se usan ferramentas intelixentes, e outras accións para impulsar a inclusión e a igualdade.

Premio e-Inclusión
A distinción recaeu en Envita, start-up viguesa de innovación social, pola súa plataforma tecnolóxica para a dixitalización da historia de vida das persoas maiores.

Premio Proxecto Fin de Máster
Recibe o recoñecemento Rubén Pérez Jove polo deseño dunha ferramenta de identificación de sistemas operativos baseada en Intelixencia Artificial. Os outros finalistas foron Alejandro Mosteiro, que desenvolveu unha ferramenta de axuda para os administradores no seu traballo baseada en Internet das Cousas, e Hilda Romero, que creou unha web e aplicación móbil para axudar aos pianistas nos seus ensaios e actuación.

Premio 15º Aniversario CPEIG
Cisco, Eviden, Inforhouse, R e Vodafone reciben esta distinción polo seu apoio continuo á gala de ‘A Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’.

Premio Colaboración Interadministrativa
Esta distinción concédese a Secretaría de Estado de Digitalización e Inteligencia Artificial, ao Nodo GalicIA da Xunta de Galicia e ao Concello da Coruña pola creación da Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial (AESIA).

Premio Colexiada/o de Honra
O recoñecemento recaeu en Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial na Universidade da Coruña (UDC). O Colexio outórgalle esta distinción por ser unha das “máximas referentes e pioneiras en España no uso de Intelixencia Artificial (IA) aplicada ás ciencias sociais”.

Máis información dos premios e fotografías dos premiados: https://www.cpeig.gal/https://anoite.gal/