A charla celebrouse o 30 de xuño na Confederación Empresarial de Ourense, organizada polo CPEIG
Fernando Suárez, presidente do CPEIG: “É unha tecnoloxía nova para o público en xeral, pero que xa leva máis de 70 anos entre nós”
Víctor Salgado, avogado especializado en dereito TIC: “Como toda ferramenta inventada na historia da humanidade, a IA non é mala nin boa en si mesma, senón que representa novas oportunidades e desafíos que debemos coñecer e aproveitar, minimizando os seus riscos e maximizando o seu enorme potencial”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou o pasado 30 de xuño unha xornada gratuíta sobre “Intelixencia Artificial: Oportunidades, regulación e medos”, en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e Pintos&Salgado Abogados. A sesión celebrouse esta mañá na sede da confederación empresarial ourensá, en modalidade presencial e online. Esta charla forma parte dun ciclo de conferencias que comezou hoxe en Ourense para achegar a Intelixencia Artificial (IA) ao sector empresarial e ao público en xeral interesado nesta disciplina das ciencias da computación.
A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, presentou a sesión na que interviñeron o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e o avogado Víctor Salgado, socio director da firma referente en Galicia de dereito TIC, Pintos & Salgado Abogados, que achegaron aos asistentes a IA como unha nova expectativa na empresa, abordando a cuestión desde diferentes perspectivas.
Marisol Nóvoa salientou na súa intervención que “hai que abordar as oportunidades desta tecnoloxía tan de actualidade, pero tamén ter en conta unha regulación que hai que desenvolver para realizar un correcto uso dela, así como coñecer os riscos que entraña” e lembrou a capacidade e dispoñibilidade da CEO para, neste sentido, axudar ás empresas a tramitar axudas de dixitalización a través da iniciativa Conecta Ourense.
Fernando Suárez aclarou conceptos relacionados coa IA, ademais de comentar a súa evolución. “É unha tecnoloxía nova para o público en xeral, pero que xa leva máis de 70 anos entre nós” –sinalou–. Tamén falou dos medos que xera, “máis esaxerados pola intanxibilidade dos usos desta tecnoloxía”, sobre todo en canto á desaparición de postos de emprego, e as necesidades lexislativas.
Desde o punto de vista empresarial, Fernando Suárez explicou as oportunidades que a IA pode ofrecer, e destacou o labor das empresas que máis están investindo en innovación e, que polo tanto, son actualmente as de maior éxito a nivel internacional.
Pola súa parte, Víctor Salgado apuntou que probablemente a IA supón o maior avance tecnolóxico nos últimos 20 anos, indicando que considera que non é esaxerado comparar a IA coa chegada pública de Internet nos anos 90 do pasado século. “Como toda ferramenta inventada na historia da humanidade, a IA non é mala nin boa en si mesma, senón que representa novas oportunidades e desafíos que debemos coñecer e aproveitar, minimizando os seus riscos e maximizando o seu enorme potencial” –aclarou–.
Desde a perspectiva legal, Salgado explicou que se verteron moitos mitos con relación á IA, como que, por exemplo, non está regulada, aspecto que é rotundamente falso como se aclarou na charla. “Dalgún modo, recórdame aos primeiros anos de Internet nos que se afirmaba da Rede que era o ‘afastado oeste’ e o dereito non se aplicaba a ela” –engadiu–. Sen dúbida, Salgado indicou que a lei tivo que adaptarse nalgúns aspectos, pero en moitos outros aplicouse desde o mesmo momento en que xurdiu Internet. E destacou que algo moi similar acontece na actualidade coa IA que se popularizou abruptamente, polo que se require novamente a adaptación da lei, aínda que hoxe xa se conta cun gran acerbo regulamentario que dota de seguridade xurídica aos dereitos como cidadáns e a actividade empresarial.