Fernando Suárez, presidente do CPEIG: “É unha honra recibir na Coruña ao talento que marcará o futuro da innovación e o progreso do noso país”
Esta fin de semana celebrouse en Sevilla a edición deste ano, onde os galegos Pedro Rey e Hugo Domínguez recibiron un diploma pola súa participación
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Sevilla acolleu esta fin de semana a XXVIII Olimpíada Informática Española (OIE) 2024. Os galegos gañadores da Olimpíada Informática Galega (OIG), celebrada en Ourense a principios de febreiro, o ferrolán Pedro Rey Anca, estudante de 2º de bacharelato do IES Saturnino Montojo de Ferrol, e o vedrés Hugo Domínguez Conde, estudante de 1º de bacharelato do CPR Manuel Peleteiro de Santiago, foron os representantes neste certame estatal acadando un diploma pola súa participación.
Os catro gañadores que recibiron a medalla de ouro da competición –Alejandro Vivero, Javier Baeza, Daniel Nieto e Héctor Berdeal –compoñen o equipo español que participará na 36ª Olimpíada Internacional de Informática que se celebrará en Exipto no mes de setembro.
No evento, tivo lugar a toma de relevo da organización da Olimpíada Informática Española 2025 que recaeu en Galicia, en concreto na Facultade de Informática da Coruña (FIC) da Universidade da Coruña que será a responsable de poñer en marcha a XXIX edición do certame. “É unha honra recibir na Coruña ao talento que marcará o futuro da innovación e o progreso do noso país” –manifestou o presidente do Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática (CCII) e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, Fernando Suárez–. O presidente destaca que a olimpíada marca realmente o ciclo entre as competicións, polo que indicou que este ciclo para a Coruña comeza hoxe mesmo e, desde o CPEIG, darase todo o apoio posible a FIC para celebrar este concurso. “Na olimpíada non só aflora o talento, senón que os mozos e mozas máis alá de competir, coñécense, únense e colaboran para lograr a excelencia na resolución de problemas a través do pensamento computacional” –indica.
A Olimpíada Informática Española (OIE) é o concurso nacional de programación informática para estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio. A OIE celébrase en España desde 1997, sempre baixo o amparo da Fundación Aula Escola Europea de Barcelona. O equipo español estivo presente en todas as edicións da Olimpíada Informática Internacional (IOI) desde 1997 en adiante. Desde 2006, a Facultade de Informática de Barcelona (FIB) da Universidade Politécnica de Cataluña (UPC) e, desde 2019, a Conferencia de Directores y Decanos de Ingeniería Informática (CODDII) colaboran coa Fundación Aula Escola Europea na organización do concurso, así como o Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática, o Ministerio de Educación y Formación Profesional e a Sociedad Científica Informática de España.
Máis información: https://olimpiada-informatica.org/