Organizouse unha multiconferencia con catro tecnólogas que compartiron cos escolares as súas experiencias profesionais e visitas ao supercomputador FinisTerrae III e ao ordenador cuántico de Galicia ‘Qmio’
Participaron tamén nun roteiro das exploradoras dixitais, teatralizado entre o CESGA e o CiTIUS, onde se enfrontaron ao reto de descubrir a traxectoria de mulleres referentes na historia:
• Ángela Ruíz Robles, Gladys Mae West, Ada Byron, Grace Hooper, Margaret Hamilton e Hedy Lamarr
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o pasado 25 de abril o Día Internacional das Rapazas nas TIC 2024 (International Girls in ICT Day), xunto ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Secretaría Xeral da Igualdade e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS). Nesta duodécima edición, o evento, destinado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional, celebrouse na sede do CESGA e do CiTIUS ao longo da xornada. Inauguraron o acto o director do CESGA, Lois Orosa; a secretaria Xeral da Igualdade, Sandra Vázquez Domínguez; e a vogal do CPEIG, Pilar Vila Avendaño.
Pilar Vila compartiu coa cativada como foron os seus inicios profesionais na enxeñaría informática, primeiro como programadora e administradora de sistemas, para despois crear a súa propia empresa como forense informática ofrecendo servizos de ciberseguridade. A vogal do CPEIG explicou que hoxe en día hai moitas cousas por facer no ámbito das TIC, desde intelixencia artificial, blockchain, traballar con criptomonedas ou computación cuántica. “Ábrese un novo camiño e entre todas podemos contribuír a mellorar o noso futuro e facer que ese camiño sexa máis produtivo” –sinalou–.
A actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, comezou pola mañá cunha multiconferencia web, que se retransmitiu por streaming, na que participaron 530 estudantes de 15 centros galegos, de primaria (5) e de secundaria (10) de Santiago de Compostela, Mos, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Brión, Allariz, A Pastoriza, Bandes, Monfero, Ferrol, Vigo, Carral e Pontevedra.
Profesionais galegas que falaron da súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a sociedade. Participaron na mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do CESGA, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: a enxeñeira de Telecomunicación que traballa en GRADIANT (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia) Antía Fernández; a matemática e técnico superior de investigación na liña de aplicación da intelixencia artificial á produción industrial no CESGA, Lorena Fernández; a enxeñeira en Informática Olalla Rama; e a arquitecta Noemí Basanta.
A xornada proseguiu cunha actividade extraescolar onde as rapazas e rapaces de primaria descubriron a actividade en torno á tecnoloxía que se desenvolve no CESGA, con visitas didácticas ao supercomputador FinisTerrae III e ao ordenador cuántico de Galicia, Qmio.
“Roteiro de Exploradoras Dixitais: Revelando as historias non contadas”
A actividade completouse pola tarde cun percorrido polo Campus Vida da USC, entre o CESGA e o CiTIUS, onde 50 estudantes tiveron o reto de identificar e coñecer referentes históricas do mundo das tecnoloxías, descubrindo os logros tecnolóxicos conseguidos polas mulleres no ámbito das TIC da man de científicas de ambos centros. Ada Lovelace (coñecida como Ada Bryron), a primeira programadora da historia, guiará aos estudantes nun percorrido teatralizado. Todos aqueles que completaron con éxito este “Roteiro de Exploradoras Dixitais: Revelando as historias non contadas” recibiron unha credencial de recordo, a CompoSTEMla, así como un agasallo sorpresa.
Os estudantes coñeceron a traxectoria profesional de mulleres referentes no ámbito tecnolóxico como Ángela Ruíz Robles, mestra en Ferrol apaixonada da tecnoloxía que ideou e patentou unha enciclopedia mecánica, considerada o primeiro libro electrónico da historia; Gladys Mae West, a matemática detrás do GPS; Ada Lovelace, máis coñecida como Ada Byron, matemática e escritora británica do século XIX, considerada a primeira programadora da historia célebre polo seu traballo sobre a computadora mecánica; Grace Hooper, matemática que inventou un tradutor para que as máquinas puideran entender as instrucións das persoas; Margaret Hamilton, primeira enxeñeira de software da historia, peza principal no equipo de tecnoloxía da misión astronáutica máis importante de todos os tempos, Apolo 11; e Hedy Lamarr, enxeñeira autodidacta, ademais de actriz de Hollywood, que na II Guerra Mundial inventou un sistema de comunicación secreto que deu lugar á Wifi, GPS e Bluetooth actuais. Tamén participaron tecnólogas do CESGA como a enxeñeira en telecomunicacións Natalia Costas; a doutora en tecnoloxía educativa María R. Malmierca; a matemática Lorena Fernández; e a enxeñeira informática Cecilia Grela; así como a investigadora do CiTIUS Albina Sarymsakova.
Colaboran nesta edición da efeméride a Xunta de Galicia (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-Gal), a Asociación PuntoGAL, a Universidade de Santiago (Facultuade de Ciencias da Educación, Oficina de Igualdade e Woman Emprende) a Facultade de Informática da Universidade da Coruña, a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Hello Sisters! e GalsTech.