• Ipglobal Tech Hub participou desde 2015 en máis de 12 empresas, xerando máis de 300 postos de traballo de maneira directa e alcanzando unha facturación acumulada superior aos 22 millóns de euros o pasado ano
• A aplicación de Cluber, firma que forma parte do ecosistema de Ipglobal Tech Hub, dixitaliza a máis de 1.000 clubes en toda España, con máis de 700.000 deportistas usuarios
As compañías recollerán a distinción na gala da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio Iniciativa Emprendedora da ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia 2024’ ao ecosistema empresarial Ipglobal Tech Hub da compañía coruñesa Ipglobal e á app galega Cluber de dixitalización de clubes deportivos.
David Bello, fundador e CEO de Ipglobal en 2003, explica que Ipglobal Tech Hub é unha incubadora empresarial en continuo movemento que está orientada a crear, deseñar, desenvolver e, sobre todo, potenciar modelos de negocio que, grazas a súa tecnoloxía, fanse máis rendibles.
Cada unha das empresas do Tech Hub traballa para dar servizo a importantes compañías de diferentes sectores, tanto fóra como dentro de España, pero, ao mesmo tempo, desde este ecosistema trátase de enfocar todo o coñecemento acumulado ao logo dos anos para crear desde cero e apoiar startups que se consideran con gran potencial de crecemento.
Desde 2015, participou en máis de 12 empresas, das que actualmente segue formando parte, xerando máis de 300 postos de traballo de maneira directa e alcanzando unha facturación acumulada superior aos 22 millóns de euros durante o 2023. Entre as empresas participadas destacan Cluber, Civislend, Rentingfinders, Comunica ou Alkira Living.
“Consideramos que este resultado é máis que positivo e podemos dicir con orgullo que o ratio de viabilidade das startups nas que participamos multiplica o famoso 2 a 8 dos fondos de investimento, é dicir, 2 que sobreviven sobre 8 que morren. O noso ratio actual é de 6 a 8, e sempre sen descoidar que as empresas do grupo sigan sendo pioneiras no seu, e que os seus accionistas vexan en nós ese partner estratéxico e tecnolóxico no que confiar os seus investimentos e, sobre todo, que os seus equipos atopen neste proxecto o estímulo que necesitan para sentirse que están cambiando a forma tradicional de facer as cosas e están creando un novo futuro. Logramos acceder ou mesmo crear tecnoloxía á vangarda da nosa época e puidemos e soubemos conectar o capital que nos confiaron para apostar e crecer no mundo das startups –manifesta Bello–.
O segredo do traballo de Ipglobal Tech Hub é que cre firmemente no seu modelo, baseado no equilibrio entre persoas, cultura, tecnoloxía e os desafíos. Destacan dous fitos relevantes na súa carreira: lograr vender o 100 % de seguromovil.com á aseguradora alemá Wert Garantie, e o 50 % de Premium Leads ao Grupo Vocento.
Actualmente, a empresa lanzouse ao mundo da intelixencia artificial, a través dunha compañía chamada Embermind; ao campo da tecnoloxía na restauración coa compañía Placein; e tamén está moi afincada no sector do turismo a través de Pilgrim, que ofrece unha plataforma tecnolóxica aos seus clientes para que poidan deseñarse ao completo o seu itinerario no Camiño de Santiago.
Unha app para axudar aos clubes deportivos na súa xestión administrativa, desde as inscricións, ao cobro de cotas e a venda de entradas
Cluber é unha app que cofundaron catro amigos apaixonados polo deporte en 2018. Detectaron que a xestión administrativa dos clubes consumía moito tempo, e que ese tempo puidera dedicarse ao que realmente importa: os deportistas e o deporte. Desde entón, Cluber constrúe a mellor plataforma para usuarios, directivos e adestradores, co obxecto de facer progresar a todos os clubes a través da tecnoloxía.
“Iniciamos o noso proxecto con catro persoas e actualmente somos un equipo de máis de 30 colaboradores, a maioría galegos, traballando desde a nosa oficina na Coruña. Contamos con ambiciosos plans de expansión e estamos comprometidos en sumar máis talento ao noso equipo” –sinala o CEO de Cluber, Diego López–.
Actualmente, Cluber axuda a máis de 1.000 clubes en toda España a ofrecer unha mellor experiencia aos seus socios. Desde a súa plataforma, o club centraliza toda a xestión de inscricións e calquera tipo de ingreso como o cobro de cotas, venda de entradas e merchandising, entre moitas funcionalidades, dunha forma rápida, fácil e sin complicacións.
Segundo sinala Diego López, os clubes poden aforrar ata 800 horas de traballo administrativo ao ano, o que significa un aforro de miles de euros, permitindo investir o diñeiro no desenvolvemento do deporte e das comunidades sobre as que teñen impacto. En canto a usuarios, hoxe a aplicación ten máis de 700.000 deportistas e titores que a utilizan todos os días.
Ambas compañías recollerán o galardón na ‘XVI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 21 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.