Fernando Suárez, presidente: “É responsabilidade dos profesionais da informática guiar o desenvolvemento e implantación da IA en beneficie da sociedade, compartindo coñecementos, colaborando en proxectos de código aberto e traballando en conxunto para atopar solucións aos grandes desafíos da nosa época”
Máis de 400 convidados asistiron á entrega dos premios da profesión que se celebrou o 21 de xuño en Santiago e que culminou cun show luminoso de 150 drones
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou o 21 de xuño a súa ‘XVI NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ cunha cea de gala no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago na que se entregaron os premios anuais da profesión. Asistiron máis de 400 convidados ao evento TIC referente de Galicia, entre representantes do ámbito empresarial, da Administración Pública, do ámbito universitario e profesionais do eido tecnolóxico. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o CPEIG mostra á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.
Foron catorce as distincións anuais que se entregaron hoxe na gala, premios que corresponden a diversas categorías onde os colexiados/as recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. O ecosistema empresarial Ipglobal Tech Hub; a app Cluber, de dixitalización de clubes deportivos; a enxeñeira informática Cristina Vázquez, CEO de Teimas; a responsable da área de Datos Global en Inditex, Olaia Vázquez; o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pola organización da ECAI 2024 (European Conference on Artificial Intelligence); a empresa Tarlogic; a compañía Denodo; o programa educativo FIRST® LEGO® League España; o Grupo Nueva Pescanova, pola integración da plataforma IBM Food Trust que garante a trazabilidade dos produtos do mar; o Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), polo seu traballo investigador sobre a manipulación informativa; Cruz Roja, Alexa e Amazon Web Services, pola súa colaboración en diversos proxectos que contribúen a reducir o illamento e a soidade non desexada das persoas; a Asociación Europea para a Transición Digital, pola súa proposta do ‘Pacto de Estado para protexer aos menores de idade en internet e redes sociais’; o enxeñeiro informático Manuel Framil; as empresas Ednon e Fortinet; a Xunta de Galicia, pola integración da intelixencia artificial (IA) na Administración Autonómica galega; e a matemática e directora do Observatorio Nacional de Tecnología y Sociedad (ONTSI), Rosa Díaz Moles; son as persoas, organismos e entidades distinguidas.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, felicitou a todas e todos os premiados merecedores do recoñecemento da NOITE, “un evento no que celebramos a nosa paixón compartida pola tecnoloxía, o talento, a innovación e a ética” que son a base da comunidade tecnolóxica galega. Tamén agradeceu a colaboración de todas as entidades e persoas que fixeron posible a gala da NOITE e que á súa vez contribúen a que Galicia sexa un referente no ámbito da informática. “Celebramos os avances tecnolóxicos, os logros da nosa comunidade e o impacto profundo e positivo que a tecnoloxía ten na sociedade” –destacou.
Suárez argumentou que a informática non é só unha disciplina técnica, senón que tamén é unha forza transformadora que está revolucionando campos tan diversos como a medicina, a educación, a agricultura e a industria, dando forma a “un mundo mellor e máis xusto” a través do seu espírito emprendedor, corazón da industria tecnolóxica xeradora de centos de empregos e millóns en facturación.
Sobre a intelixencia artificial, Fernando Suárez lembrou que unha gran maioría aínda se resiste ao cambio e alerta sobre os seus perigos, riscos e inexactitudes, pero sinalou que os tecnólogos non poden permitir que se alimente esta cultura negativa. “O maior risco é que España y Europa non lideren a IA e que, en lugar de democratizar o seu uso, se converta en patrimonio dunhas poucas empresas que utilicen o seu enorme potencial en beneficio propio. O impacto da IA na modernización das nosas empresas e sectores clave será fundamental e imprescindible. Fronte ao pesimismo e negativismo ilustrado, necesitamos dar resposta a algúns retos e desafíos fundamentais” –aclarou–.
Non obstante, Suárez lembrou que un gran poder implica unha gran responsabilidade, e indicou que no caso da IA os profesionais TIC deben asegurarse de que estes avances sexan accesibles para todos e se empreguen de maneira ética e xusta. “É responsabilidade dos profesionais da informática guiar o seu desenvolvemento e implantación para que realmente beneficien á sociedade no seu conxunto, compartindo coñecementos, colaborando en proxectos de código aberto e traballando xuntos para atopar solucións aos grandes desafíos da nosa época. Como axentes do cambio, o fin é crear un ecosistema tecnolóxico que promova o benestar, a equidade e o desenvolvemento sustentable da nosa sociedade” –subliñou–.
Esta décimo sexta edición foi inaugurada polo presidente do CPEIG e contou coa asistencia de conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo; o director xeral do Instituto Nacional de Ciberseguridad (INCIBE), Félix Barrio; o director xerente do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Lois Orosa; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; e o alcalde de Ames, José Blas García; así como outras personalidades e representantes do sector TIC galego que exerceron como patrocinadores do evento e as colexiadas e colexiados do CPEIG.
A gala estivo conducida por Fede de Juan, imitador, humorista e guionista de longa traxectoria en diferentes medios de comunicación españois, e contou coa actuación do músico portugués Nuno Louro que versionou hits de grandes bandas e artistas do panorama musical. A noite finalizou cun espectáculo sorpresa, un show luminoso con 150 drones que sucaron o ceo de Santiago, único e sen precedentes en Galicia.