Pasar al contenido principal

A gala “A NOITE” do CPEIG celebrarase o 27 de xuño en Santiago de Compostela coa entrega anual dos premios da profesión

ANOITE 2025

O evento reunirá a uns 400 convidados entre profesionais de empresas TIC, corpo colexial e autoridades, coa finalidade de dar pulo á profesión de enxeñaría en informática

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará a súa "XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia" o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre os colexiadas/os do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector. 

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que a Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiras/os en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. No marco desta gala entregaranse os Premios da Noite, con máis de media ducia de categorías nas que as colexiadas/os recoñecen iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática. 

As persoas, organismos e entidades distinguidas en 2024 foron: o ecosistema empresarial Ipglobal Tech Hub; a app Cluber, de dixitalización de clubs deportivos; a enxeñeira informática Cristina Vázquez, CEO de Teimas; a responsable da área de Datos Global en Inditex, Olaia Vázquez; o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pola organización da ECAI 2024 (European Conference on Artificial Intelligence); a empresa Tarlogic; a compañía Denodo; o programa educativo FIRST® LEGO® League España; o Grupo Nueva Pescanova, pola integración da plataforma IBM Food Trust que garante a trazabilidade dos produtos do mar; o Centro de Estudos de Seguridade (CESEG), polo seu traballo investigador sobre a manipulación informativa; Cruz Roja, Alexa e Amazon Web Services, pola súa colaboración en diversos proxectos que contribúen a reducir o illamento e a soidade non desexada das persoas; a Asociación Europea para a Transición Digital, pola súa proposta do ‘Pacto de Estado para protexer aos menores de idade en internet e redes sociais’; o enxeñeiro informático Manuel Framil; as empresas Ednon e Fortinet; a Xunta de Galicia, pola integración da intelixencia artificial (IA) na Administración Autonómica galega; e a matemática e directora do Observatorio Nacional de Tecnología y Sociedad (ONTSI), Rosa Díaz Moles.

O CPEIG constituíuse en decembro de 2007 como corporación de dereito público e de carácter profesional con personalidade xurídica propia que se rexe pola normativa vixente na materia e polos seus estatutos. Cunha estrutura interna democrática e independente das administracións públicas, agrupa obrigatoriamente a todas as persoas que, tendo o título oficial de Enxeñaría en Informática ou Licenciatura en Informática, desenvolven actividades propias da profesión en Galicia. Na actualidade, o CPEIG suma máis de 350 colexiados e colexiadas.