Pasar al contenido principal

David Lago, do IES Pedro Floriani de Redondela, terceiro clasificado e medalla de ouro na ‘Olimpiada Informática Española’, que representará ao país na competición internacional de Bolivia

OIE 2025 na Coruña

Competirá este verán acompañado do gañador do certame, o catalán Ricardo Batanero, e de Andrii Basov e Eulàlia Gaya

A  olimpíada celebrouse esta fin de semana na Facultade de Informática da Coruña, organizada polo CPEIG e a UDC

A ‘XXIX Olimpiada Informática Española (OIE)’ celebrouse esta fin de semana na Facultade de Informática da Coruña (FIC-UDC), organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Universidade da Coruña (UDC). 

A olimpíada española, que se celebrou por primeira vez en Galicia, contou coa participación de 41 estudantes (36 mozos e 5 mozas) de todo o país, seleccionados entre os mellores talentos en programación. Trátase dunha competición de programación algorítmica destinada a estudantes de ensinanza secundaria e bacharelato de toda España. O seu obxectivo é fomentar o talento en informática e a resolución de problemas computacionais, preparando aos mozos e mozas para retos académicos e profesionais de alto nivel.

O Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes outorgou premios económicos aos 10 primeiros clasificados e ás dúas mellores mulleres clasificadas. Os estudiantes que obtiveron premio de 1.000 euros foron os clasificados en primeiro, segundo e terceiro posto. Os estudantes que obtiveron premio de 750 euros foron os clasificados en cuarta, quinta e sexta posición; e os estudantes que recibiron de premio 500 euros foron os clasificados en sétima, oitava, novena e décima posición.

Gañadores da OIE

Medalla de ouro:

•    1º clasificado: Ricardo Batanero Moranchel (Cataluña): 1.000 euros
•    2º clasificado: Andrii Basov (Cataluña): 1.000 euros
•    3º clasificado: David Lago Alonso: 1.000 euros
•    4ª clasificada: Eulàlia Gaya Bretones (Cataluña): 750 euros +  1.000 euros (premio para as mellores participantes femininas)

Medalla de prata:

•    5º clasificado: Marc Bru Montoya: 750 euros
•    6º clasificado: Rodrigo Nieto Petinal: 750 euros
•    7º clasificado: Guillem Vizcarro Sánchez Del Valle: 500 euros
•    8º clasificado: Héctor Verdeal Rodríguez: 500 euros

Medalla de bronce:

•    9ª clasificada: Ariadna Franch Pérez: 500 euros + 1.000 euros (premio para as mellores participantes femininas incluído)
•    10º clasificado: Daniel García Carretero: 500 euros
•    11º clasificado: Pablo Madueño Vega
•    12º clasificado: Jaime Martínez Torrente

Os catro primeiros clasificados (medallas de ouro) compoñerán a delegación española que participará na Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará do 27 de xullo ao 3 de agosto en La Paz (Bolivia).

A OIE 2025 estivo patrocinada por: Conferencia de Directores y Decanos de Ingeniería Informática (CODDII), Aula Escola Europea, Sociedad Científica Informática de España (SCIE), Ministerio de Educación, Formación Profesional y Deportes, Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería Informática (CCII), Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia (CITIC), Turismo de Galicia, Cátedra Aldaba WIB, Bahía Software, Clúster TIC, Crowdstrike, DXC, Gadis e NTT Data, e conta coa colaboración da Deputación da Coruña e Turismo da Coruña.

A Olimpiada Informática Española de 2026 celebrarase na Universidade de Valladolid.