Pasar al contenido principal

A empresa global de solucións tecnolóxicas Unisys, cunha década apostando polo talento e a innovación en Galicia, distinguida co Premio 17 Aniversario CPEIG

Premio 17 Aniversario CPEIG Unisys

A compañía suma máis de 150 años transformando os negocios e mellorando a vida das persoas a través da tecnoloxía

A súa directora xeral, Ana Rubio, recollerá o recoñecemento na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio 17 Aniversario CPEIG da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 á empresa tecnolóxica Unisys polo seu constante apoio e colaboración como patrocinador da NOITE practicamente desde o seu nacemento, garantindo así a súa celebración durante estes dezasete anos.

Unisys é unha empresa global de solucións tecnolóxicas que leva máis de 150 anos transformando os negocios e mellorando a vida das persoas a través da tecnoloxía. Con presenza en máis de 40 países e un equipo heteroxéneo de expertos en enxeñería, ciberseguridade, servizos na nube, intelixencia artificial e solucións de misión crítica, Unisys mantén un compromiso constante coa excelencia, a sustentabilidade e a innovación. 

En España, e especialmente en Galicia, Unisys conta cunha sólida presenza a través do seu centro de operacións en Santiago de Compostela. Desde aí, traballan con talento local para desenvolver solucións tecnolóxicas avanzadas para os seus clientes, non só a nivel local senón nacional e internacional. O seu equipo galego está composto por enxeñeiros, técnicos de sistemas e redes, analistas e expertos en ciberseguridade que contribúen diariamente a proxectos clave en sectores como a administración pública, o transporte e as telecomunicacións. 

Un dos eixos fundamentais da súa estratexia en España é a colaboración con institucións académicas, profesionais e tecnolóxicas da contorna. Por iso, desde fai máis de dez anos, Unisys participa activamente como socio preferente na ‘Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia’, unha cita clave para o recoñecemento do talento e a excelencia no ámbito tecnolóxico galego. Segundo sinala a empresa, este evento do CPEIG representa unha oportunidade única para poñer en valor o traballo das profesionais TIC, e para fomentar o diálogo entre empresa público-privada, universidade e sociedade. 

“Recibir este recoñecemento énchenos de orgullo e reforza o noso compromiso con Galicia, unha comunidade que destaca polo seu capital humano, os seus centros de investigación e a súa vocación pola transformación dixital. En Unisys, cremos firmemente que o futuro tecnolóxico pasa por unha estreita colaboración entre empresas e territorios, apostando polo talento local e contribuíndo ao desenvolvemento económico e social desde unha perspectiva global”, afirma Ana Rubio, directora xeral de Unisys en España.

Unisys colabora habitualmente con universidades e centros formativos galegos en programas de prácticas, proxectos de innovación e formación especializada. Tamén impulsa políticas activas de diversidade, inclusión e sustentabilidade, convencida de que a tecnoloxía debe estar ao servizo dunha sociedade máis equitativa, resiliente e preparada para os desafíos do século XXI. 

Desde Unisys, miran ao futuro con entusiasmo, seguros de que os próximos anos xurdirán novos retos e moitas oportunidades para seguir crecendo xuntos. “Por todo iso, agradecemos profundamente ao CPEIG e a toda a comunidade tecnolóxica galega este recoñecemento, e reafirmamos o noso compromiso de seguir apoiando e celebrando o talento galego no mundo da enxeñería informática”, conclúe a directiva.

Ana Rubio recollerá o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.