Distingue na categoría de Colaboración Interadministrativa o programa formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, o máis relevante de todo o Estado con 137 cursos e 133 seminarios en 2024-2025
A directora xeral, Zeltia Lado, e o director do CNTG, Carlos Vázquez Mariño, recollerán o recoñecemento na gala da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Colaboración Interadministrativa da ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ de 2025 á Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego polo seu programa formativo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) para profesionais galegos do sector TI, froito da colaboración público-privada.
O programa formativo do CNTG, que está dirixido tanto aos profesionais galegos como a desempregados inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, conta na programación 2024/2025 con 137 cursos e 133 seminarios técnicos, sendo o programa formativo para profesionais TI máis relevante en todo o Estado español.
O programa ofrece preto de 2.700 prazas e case 7.000 horas de formación, con accións formativas de fabricantes e entidades tan relevantes como Microsoft, Amazon, Google, RedHat, Oracle, Cisco, Fortinet, VMware, SANS Institute, ISACA, ISC2, ISMS Forum, Securizame, Linux Professional Institute, PMI, etc.
Na elaboración da programación, a Dirección xeral contou coa colaboración do sector TI galego para aliñar as necesidades formativas do sector para o 2025 coas accións formativas programadas polo CNTG. A demanda foi tal que se recibiron tres candidatos por cada praza ofertada, así como a valoración do alumnado das accións, superior ao 9 tanto na valoración dos cursos como dos docentes e do propio centro.
Tamén se contou coa colaboración de entidades como o Nodo Galego de Ciberseguridade, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), o que permitiu contar coas accións de formación en ciberseguridade máis recoñecidas no sector.
A programación deste ano centrouse na ciberseguridade, a intelixencia artificial, os servizos na nube, e a ciencia de datos, sen esquecer a xestión avanzada de proxectos e a administración de sistemas.
Estas accións formativas, que inclúen a certificación oficial do fabricante ou organismo responsable, permiten aos profesionais do sector mellorar as súas competencias, e aos futuros profesionais recualificarse (reSkilling) para acceder ao sector, que conta cun bo número de postos dispoñibles.
A directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Zeltia Lado Lago; e o director do CNTG, Carlos Vázquez Mariño, recollerán o galardón na ‘XVII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 27 de xuño no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A Noite é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar o traballo desenvolto por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.