Ten en marcha as obras da súa planta no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, e prevé que estea operativa a finais de 2027 para cubrir a crecente demanda de dispositivos fotónicos nas telecomunicacións, automoción, IA ou no sector aeroespacial
O CEO da compañía, Francisco Díaz-Otero, recollerá o recoñecemento na celebración da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que terá lugar o 12 de xuño en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Iniciativa Empresarial da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026’ á empresa Sparc Foundry.
Segundo explican desde a compañía, Sparc Foundry avanza en Vigo na creación da primeira foundry comercial de fotónica integrada baseada en semiconductores III-V (chips fotónicos) en España. O xerme da compañía xurdiu hai máis de cinco anos na contorna universitaria da cidade, impulsado por un equipo de investigadores con ampla experiencia en fotónica integrada e na industria tecnolóxica, ao que xa se sumaron máis de vinte profesionais. As obras de construción da súa planta, no Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, iniciáronse o pasado mes de xaneiro, e está previsto que estea operativa cara finais de 2027.
Desde SPARC sinalan que a empresa ten como obxecto reforzar a soberanía tecnolóxica europea e aportar nova capacidade industrial ao continente nun sector estratéxico. Nun contexto no que os semicondutores consolidáronse como unha infraestrutura crítica para a economía dixital, a compañía aspira a cubrir a crecente demanda de dispositivos fotónicos e de alta frecuencia, clave para as telecomunicacións, a automoción, a intelixencia artificial ou o sector aeroespacial.
Ademais do seu impacto europeo, Sparc Foundry exercerá un forte efecto tractor no tecido industrial galego, xa que non só promoverá a creación de emprego cualificado e atraerá talento especializado, senón que tamén fomentará o desenvolvemento dun ecosistema industrial e tecnolóxico en Galicia. “Sparc Foundry xa está xerando interese no mercado internacional, máis alá das fronteiras europeas, e sitúase como un dos nodos industriais emerxentes en Europa, contribuíndo a construír unha cadea de valor completa en torno á fotónica”, apuntan desde as súas oficinas na cidade olívica.
Fernando Suárez: “Sparc Foundry é hoxe un símbolo de innovación, colaboración e ambición industrial, un proxecto que demostra que desde Galicia é posible liderar desenrolos tecnolóxicos de alcance global”
O CPEIG explica que Sparc Foundry é un proxecto que encarna de forma exemplar a capacidade de Galicia para situarse na vangarda tecnolóxica europea. “Desde a súa concepción, Sparc apostou por un ámbito estratéxico como é o dos semicondutores fotónicos, desenvolvendo en Vigo unha infraestrutura industrial única orientada á fabricación de chips avanzados baseados en tecnoloxías III-V, clave para diversos sectores”, explica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Ademais, o CPEIG sinala que se trata dunha iniciativa “profundamente transformadora”, non só pola súa dimensión tecnolóxica, senón polo seu impacto económico e territorial. “Este proxecto supón un claro exemplo de transferencia de coñecemento desde o ámbito académico ao empresarial, integrando talento investigador e visión industrial nunha proposta de alto valor engadido”, destaca Suárez.
Sparc Foundry representa, tamén desde a perspectiva do CPEIG, unha aposta decidida pola soberanía tecnolóxica e a autonomía estratéxica, nun contexto global onde os semicondutores son un recurso crítico. “O seu impulso, apoiado por investimentos públicos e privados e enmarcado en iniciativas como o PERTE Chip, contribúe a situar a España e a Europa na cadea de valor de tecnoloxías clave para o futuro dixital. Sparc Foundry é hoxe un símbolo de innovación, colaboración e ambición industrial, un proxecto que demostra que desde Galicia é posible liderar desenrolos tecnolóxicos de alcance global, e que encarna os valores que este premio quere recoñecer: visión, impacto e compromiso co progreso económico e social”, engadiu o presidente do CPEIG.
Francisco Díaz-Otero, CEO da compañía, recollerá o galardón na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.