Pasar al contenido principal

O CPEIG recoñece co Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino á plataforma pedagóxica Loomi, creada por tres mozos estudantes da Universidade de Vigo

Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino 2026_ Loomi

O obxectivo é que o profesorado de infantil e primaria poida xerar con IA contos personalizados en segundos, para facilitar a aprendizaxe, sen aumentar a súa carga de traballo e reducindo a fenda de resultados, co fin de aumentar a motivación do alumnado 

Os tres socios fundadores –os vigueses Anxo Lameiro, Marcos Martínez e Alejandro Sirvent– recollerán a distinción na celebración da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que terá lugar o 12 de xuño en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia 2026’ á plataforma web Loomi.

O proxecto foi creado o pasado mes de agosto por tres estudantes de 22 anos da Universidade de Vigo (UVigo), Anxo Lameiro, que cursa Enxeñaría Informática na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense; e Marcos Martínez e Alejandro Sirvent, ambos estudantes de Bioloxía na Facultade de Bioloxía de Vigo.

Segundo explican, o proxecto nace dunha experiencia persoal moi concreta, xa que Marcos ten un irmán menor ao que habitualmente axudaba a estudar e, a maioría das veces precisaba explicar un concepto máis dunha vez para que se entendese, apoiándose en historias acorde cos intereses do rapaz para que a atención ao longo de toda a explicación se mantivese constante. E aí foi cando Marcos compartiu o tema co seu compañeiro Alejandro, e a idea cobrou sentido. Neste punto, Alejandro profundou na literatura científica que apoiaba esta intuición e soubo ver nela un potencial real. Xuntos formularon a posibilidade de desenvolver unha plataforma capaz de transformar a forma na que se entende actualmente a docencia, “potenciando o interese do alumnado nas leccións ao achegalas ao seu mundo”. Coa formación tecnolóxica de Anxo, viron que desde a explosión da Intelixencia Artificial xenerativa, ideas como esta, que nun pasado serían relegadas ao esquecemento pola súa inviabilidade, podían agora levarse a cabo cun portátil e un equipo motivado. Así colleu forma o proxecto, con Alejandro como director de produto, Anxo liderando o desenvolvemento tecnolóxico e Marcos a cargo da dirección empresarial, Loomi comezou o seu camiño.

Segundo sinalan, Loomi é unha plataforma web para a personalización da docencia a nivel de infantil e de primaria, para que o profesorado poida transformar contidos curriculares en historias ilustradas e personalizadas en cuestión de segundos. Os seus creadores explican que a dinámica da plataforma é moi sinxela, xa que o docente introduce parámetros como o concepto a explicar, a idade do alumnado ou o obxectivo de aprendizaxe, e a IA xera automaticamente un conto adaptado a ese contexto concreto. “Non todos os nenos e nenas aprenden igual, e Loomi permite ao profesor personalizar os contidos sen que iso lle supoña máis tempo nin carga de traballo, ademais de reducir a fenda de resultados. E para o alumnado aporta historias adaptadas ao seu nivel, intereses e contexto, o que pode aumentar a súa motivación e facilitar que entendan e reteñan mellor os contidos”, indican. 

A nivel funcional, os tres socios apuntan que a aplicación conta con dúas modalidades: o modo libre e o modo guiado. Destacan especialmente o modo guiado, que acompaña ao docente paso a paso na creación dos materiais. “A vantaxe desta opción é que elimina por completo calquera barreira tecnolóxica ou curva de aprendizaxe, permitindo que calquera profesor poida crear contido adaptado de forma intuitiva e xerando o conto final en moi pouco tempo. 

Programa piloto para o vindeiro curso

Para dar soporte, a aplicación está composta principalmente por un backend desenvolto en Java utilizando Spring Boot. “Optamos por esta tecnoloxía porque dá a seguridade e solidez que esixe unha contorna institucional. Este núcleo se conecta con Vertex AI, utilizando os modelos de Gemini, tanto para a xeración de texto como de imaxes. Ao estar feito de forma modular, podemos cambiar de IA en calquera momento con gran facilidade e sen que nos supoña un esforzo técnico. En canto á infraestrutura, témolo todo contenerizado e subido a Google Cloud mediante Cloud Run. Eliximos este formato serverless porque permítenos escalar automaticamente e manter un rendemento estable sen importar os picos de tráfico nos colexios”, concretan. 

Actualmente, Loomi atópase en fase de desenvolvemento dun MVP (Produto Mínimo Viable) listo para a súa implantación na aula. Paralelamente, co obxecto de pulir os detalles finais deste MVP, os socios están en contacto próximo con institución educativas, realizando estudos preliminares que servirán en parte como guía de cara a futuros pasos empresariais.

“A nosa folla de ruta é clara, comezar co programa piloto para o vindeiro curso. Unha vez consigamos unha validación real en base ás métricas de retención, uso e mellora do desempeño do alumnado, comezaremos coa etapa de tracción inicial no mercado, ofrecendo a nosa ferramenta en forma de SaaS (modelo de distribución de software na nube), tanto a centros educativos con acordos directos, como a profesores particulares ou país e nais que queiran levar a educación dos máis pequenos ao nivel que merecen”, aseguran.

Fernando Suárez, presidente CPEIG: “Loomi evidencia que a tecnoloxía non debe entenderse como un substituto do labor docente, senón como un facilitador que axuda a enriquecer os procesos educativos”

O CPEIG destaca que Loomi recibe esta distinción por representar de maneira exemplar o potencial transformador da tecnoloxía cando se pon ao servizo da educación, da creatividade e das persoas. Desenvolvido por estudantes da Universidade de Vigo, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, este proxecto combina innovación, talento novo e unha visión profundamente humanista da intelixencia artificial, demostrando que Galicia conta cunha xeración de profesionais capaces de crear solucións tecnolóxicas con impacto real na sociedade. “Loomi aposta por un uso responsable e útil da intelixencia artificial, e evidencia que a tecnoloxía non debe entenderse como un substituto do labor docente, senón como un facilitador que axuda a enriquecer os procesos educativos, a personalizar o ensino e a achegar novos recursos tanto ao profesorado como ás familias”, manifesta. 

Desde o CPEIG, salientan especialmente o valor do talento interdisciplinar que hai detrás da iniciativa, unindo coñecementos de bioloxía, pedagoxía e enxeñaría informática para dar resposta a un reto educativo actual mediante ferramentas innovadoras e accesibles. “Proxectos como Loomi son un exemplo de como a innovación tecnolóxica pode nacer desde o ámbito universitario e converterse nun motor de transformación social, impulsando unha educación máis dinámica, inclusiva e adaptada ás necesidades de cada persoa. Este premio recoñece tamén a capacidade de emprendemento, a visión de futuro e o compromiso cunha tecnoloxía ética e orientada ao ben común que representa Loomi. Porque o futuro da educación pasa, sen dúbida, por incorporar ferramentas dixitais intelixentes, pero tamén por facelo desde unha perspectiva responsable, creativa e centrada no desenvolvemento humano”, apunta. 

Os tres socios fundadores de Loomi –Anxo Lameiro, Marcos Martínez e Alejandro Sirvent– recollerán o galardón na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará o 12 de xuño no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.