O presidente do Colexio, Fernando Suárez, recolleu o galardón nun acto celebrado o 26 de maio en Madrid
O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, recolleu o 26 de maio en Madrid o Premio Alcanza, na categoría de proxectos innovadores de capacitación dixital e ciberseguridade dirixidos a nenos e mocidade, da Asociación Española de Banca, a través da súa Fundación AEB. O galardón, dotado de 10.000 euros, concedéuselle na súa segunda edición ao programa ‘Navega con Rumbo’, unha iniciativa posta en marcha polo CPEIG e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
‘Navega con Rumbo polo Ciberespazo’ promove o uso seguro e responsable de Internet entre os escolares, profesores e familias. As claves do proxecto educativo son a realización de charlas divulgativas que imparten enxeñeiras e enxeñeiros informáticos colexiados en centros educativos de Galicia, para o alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de Formación Profesional Básica. Os contidos céntranse na prevención de riscos na rede, como o ciberacoso, a sobreexposición ou a perda de privacidade, e consellos para unha navegación útil. Elabóranse guías de boas prácticas, material didáctico que se pode descargar no portal de ‘Navega con Rumbo’: https://navegaconrumbo.cpeig.gal/.
“Navega con Rumbo é un programa que leva 15 anos formando a nenos, nenas, familias e docentes no uso seguro e responsable de Internet, chegando xa a máis de 250.000 menores en Galicia”, asegurou Fernando Suárez no seu discurso de agradecemento.
O presidente sinalou que recibir este premio é unha inmensa honra e unha enorme emoción e agradeceu sinceramente á Asociación Española de Banca a distinción. Destacou que este premio é un “recoñecemento emocionante ao traballo colectivo de moitas persoas que cren que a educación dixital pode cambiar vidas e protexer o futuro da nosa mocidade, ademais de dar visibilidade a un labor silencioso de moitos anos e, sobre todo, reforzar a idea de que protexer á nosa mocidade na contorna dixital é una responsabilidade colectiva”.