Ademais das súas máis de 300 publicacións científicas e dos seus prestixiosos recoñecementos internacionais, o Colexio distingue ao fundador do Instituto de Investigación en Inteligencia Artificial do CSIC “polo seu compromiso cunha visión ética, humanista e responsable da tecnoloxía”
Recollerá a distinción na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará este venres, 12 de xuño, en Santiago
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede o Premio Colexiado de Honra a Ramón López de Mántaras por ser pioneiro da intelixencia artificial en España e Europa, investigando sobre a materia desde 1975 e sendo fundador e director do Instituto de Investigación en Inteligencia Artificial do CSIC (IIIA-CSIC), unha das institucións de referencia nesta campo.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, sinala que ao longo da súa carreira, López de Mántaras contribuíu de forma decisiva ao desenvolvemento da investigación en intelixencia artificial, ao impulso da comunidade científica internacional e á transferencia do coñecemento cara a sociedade.
“Autor de máis de 300 publicacións científicas e galardoado con algúns dos máis prestixiosos recoñecementos internacionais en intelixencia artificial, entre eles o Robert S. Engelmore Memorial Award da AAAI, o Distinguished Service Award de EurAI e o Premio Nacional de Investigación Julio Rey Pastor, o seu labor contribuíu, a situar a España no mapa mundial da intelixencia artificial”, apunta Suárez.
Máis alá das súas aportacións científicas, o CPEIG destaca que Ramón López de Mántaras foi distinguido “polo seu compromiso cunha visión ética, humanista e responsable da tecnoloxía”, converténdose nunha das voces máis autorizadas para reflexionar sobre o impacto da intelixencia artificial na sociedade e sobre a necesidade de poñer o progreso tecnolóxico ao servizo das persoas”.
Con esta distinción, o CPEIG recoñece unha traxectoria exemplar que contribuíu de maneira excepcional ao avance da informática e da intelixencia artificial, inspirando a xeracións de profesionais e investigadores e reforzando o papel da tecnoloxía como motor de progreso e benestar social.
López de Mántaras: “Asumo esta distinción como un estímulo para seguir trabajando en favor de una informática y una inteligencia artificial que contribuyan al conocimiento, al progreso social y al bienestar colectivo”
Pola súa parte, Ramón López de Mántaras recibe esta distinción cunha profunda satisfacción e un sincero agradecemento. Tras moitos anos dedicados á investigación e ao desenvolvemento da intelixencia artificial, o profesor asegura que resulta especialmente gratificante recibir un recoñecemento procedente dunha institución que representa a quen contribúen diariamente ao avance da informática e das tecnoloxías dixitais.
“Entiendo este nombramiento no solo como una valoración de mi trayectoria profesional, sino también como un reconocimiento colectivo a todas las personas con las que he compartido proyectos, ideas y esfuerzos a lo largo de los años. Nada de lo conseguido sería posible sin la colaboración de colegas, investigadores, estudiantes y profesionales que han contribuido, desde distintos ámbitos, al progreso de nuestra disciplina. Asumo esta distinción como un estímulo para seguir trabajando en favor de una informática y una inteligencia artificial que contribuyan al conocimiento, al progreso social y al bienestar colectivo”, manifesta.
Ademais, López de Mántaras destaca a súa estreita relación co CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela), do que forma parte desde hai máis de dez anos como membro do seu Comité Científico e que actualmente ten o privilexio de presidir. “Mi vinculación con este centro me ha permitido conocer de cerca la excelencia de su labor investigadora y su importante papel en la consolidación de Galicia como un referente en investigación e innovación tecnológica. Por ello, considero este reconocimiento también como una muestra de afecto hacia una comunidad científica con la que me siento especialmente vinculado”, engade.
Traxectoria profesional
Ramón López de Mántaras (Sant Vicenç de Castellet, 1952) é doutor en Física Aplicada (especialidade automática) pola Universidade de Toulouse III (Francia), Máster of Science en Informática pola Universidade de California-Berkeley (EE UU) e doutor en Informática pola Universidade Politécnica de Catalunya. É profesor de investigación emérito do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) no Instituto de Investigación en Inteligencia Artificial (IIIA), do cal foi fundador e director. Tamén é profesor visitante distinguido na Universidade de Tecnoloxía de Sídney e na Universidade do Oeste de Sídney. Foi profesor da Facultade de Informática de Barcelona e Catedrático da Universidade Pierre et Marie Curie de París. Foi editor principal da revista europea de IA (AI Communications) e editor asociado da revista máis prestixiosa do mundo en IA (Artificial Intelligence Journal). Autor de máis de 300 traballos científicos e dos libros de divulgación sobre intelixencia artificial ‘Qué sabemos de’ (Los Libros de la Catarata, 2017) e ‘100 coses que cal saber sobre intel·ligència artificiali’ (Cossetània, 2023).
Recibiu, entre outros, os seguintes recoñecementos: Premi Ciudad de Barcelona de Investigación (1982), Swets & Zeitlinger Award da Asociación Internacional de Informática Musical (1997), Robert S. Engelmore Memorial Award da Asociación Americana de Intelixencia Artificial (2011), Distinguished Award da Asociación Europea de Intelixencia Artificial (2016), Donald E. Walker Distinguished Service Award da Asociación Internacional de Intelixencia Artificial (2017) e o Premio Nacional de Investigación Julio Rey Pastor en Matemáticas e Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (2018). É membro de honra da Asociación Europea de Intelixencia Artificial e do Institut d’Estudis Catalans. Tamén é membro de diferentes comités asesores para institución públicas e empresas americanas e europeas (en particular, para os Gobernos alemán e francés) sobre temas relacionados coa IA. Coordinou o grupo de traballo que elaborou a Estratexia de Investigación en IA do Ministerio de Ciencia do Goberno español. Actualmente investiga en razoamento por analoxía e en aprendizaxe causal e por transferencia.
Ramón López de Mántaras recollerá o galardón na gala da ‘XVIII NOITE da Enxeñaría en Informática de Galicia’ que se celebrará este venres, 12 de xuño, no Hotel OCA Porta do Camiño de Santiago. O evento é un punto de encontro entre as colexiadas e colexiados do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos. A NOITE é xa unha gala consolidada onde o Colexio profesional pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolvido por enxeñeiras e enxeñeiros en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC.