“É defensor convencido da función constitucional, social e representativa dos colexios profesionais”
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebra o galardón concedido ao enxeñeiro informático e vicesecretario da entidade, Roberto Vieito Raña, nos ‘Premios á Excelencia e Compromiso Profesional 2026’ da Unión Profesional de Galicia (UPDG). Estas distincións foron entregadas o pasado sábado nun acto celebrado no Hotel OCA Puerta del Camino en Santiago ao que asistiu o presidente do CPEIG, Fernando Suárez; e o secretario do Colexio, Juan José González.
O CPEIG propuxo a Roberto Vieito para esta distinción polo seu traballo e esforzo constante en prol da profesión. Como vicesecretario da Xunta de Goberno do CPEIG desde 2015, “é defensor convencido da función constitucional, social e representativa dos colexios profesionais”. Colabora activamente nas diversas iniciativas promovidas desde o CPEIG, destacando especialmente nas que teñen que ver coa valorización e promoción da profesión da enxeñaría en informática. Neste senso lidera diversas actuacións de cara ao recoñecemento e equiparación nobre profesión na función pública.
Vocación de servidor público comprometido coa innovación, as tecnoloxías libres, a inclusión social e a transformación dixital
Roberto Vieito Raña (A Baña, 1982) é Enxeñeiro en Informática pola Universidade da Coruña e Máster en Software Libre e de especialización en Xestión da Innovación, Desenvolve a súa carreira profesional cunha marcada vocación de servidor público comprometido coa innovación, as tecnoloxías libres, a inclusión social e a transformación dixital.
O inicio da súa carreira profesional foi no ámbito do cooperativismo galego e da computación, accedendo posteriormente á función pública na administración galega. Desempeñou funcións en distintas entidades do sector público autonómico galego, sempre cun carácter fortemente ligado ao desenvolvemento tecnolóxico e á innovación. A súa contribución axudou á implantación e desenvolvemento de novos sectores e industrias en Galicia, á captación de recursos europeos e estatais para aumentar as capacidades da nosa terra, así como á xénese e operativa de diversos instrumentos e órganos técnicos de apoio tanto á transformación dixital como á inclusión social e á innovación.
Na actualidade traballa, no ámbito da innovación e das tecnoloxías da información, nunha axencia pública autonómica da Xunta de Galicia. Adicionalmente, forma parte de diversos órganos asesores, técnicos e observatorios, achegando sempre unha visión tecnolóxica transversal fortemente sustentada nos principios da enxeñaría, da ciencia, do progreso, da xustiza social e do humanismo.
Compaxina esta actividade profesional con cargos representativos no eido social, así como con docencia circunstancial en cursos impartidos pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e colaboracións docentes en universidades ou centros de ensino secundario e primario. Tamén participou na autoría e revisión de varios libros, sendo ademais un profesional cunha significativa actividade de voluntariado tecnolóxico e cunha longa traxectoria de participación en asociacións de carácter social e de software libre.
Durante a súa carreira profesional ten recibido varios premios, entre os que destaca o Premio ao Empregado Público Innovador da Xunta de Galicia. É membro do Consello Técnico Asesor en Intelixencia Artificial e Espazo de Datos do Sistema Público de Saúde de Galicia, do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, do Consello Editorial da revista TIG@, etc., así como membro suplente do Consello Galego de Intelixencia Artificial. Forma parte dos promotores e relatores da iniciativa ‘Navega con Rumbo’ do CPEIG e a Consellería de Educación, galardoada pola Agencia Española de Protección de Datos (AEPD) en recoñecemento ao seu impacto social.
A UPDG tamén celebrou na xornada do sábado o ‘II Simposium Innovación Tecnolóxica e Compromiso Social’ con varias mesas redondas, como a titulada “Impacto da Intelixencia Artificial nas nosas profesións”, na que participaron Fernando Suárez; Roberto Vieito; o vogal do CPEIG, Benigno Rosón; e o avogado Víctor Salgado, socio director de Pintos & Salgado, firma referente en Galicia en Dereito Dixital, Protección de Datos, TIC e Intelixencia Artificial.