Os máis de 60 participantes asistiron o sábado a unha conferencia motivadora da piragüista canguesa e medallista olímpica Teresa Portela, que compartiu a súa historia e reflexionou sobre a superación, o esforzo e a constancia que hai detrás de cada reto
O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou o pasado sábado, 18 de xullo, a VII Xornada de Convivencia para colexiadas, colexiados e as súas familias.
Deseñouse un programa de ocio variado no que participaron máis de 60 persoas. A mañá comezou coa visita ás adegas Paco & Lola, situadas en Meaño, onde se fixo un percorrido polas instalacións e unha cata de viños para os adultos, mentres que os máis pequenos desfrutaron cunha sesión de maxia co mago Kiko Pastur.
Tamén nas adegas, os profesionais do CPEIG e as súas familias tiveron o pracer de asistir a unha conferencia motivadora a cargo da piragüista canguesa Teresa Portela, medallista olímpica e a deportista española con máis participacións nos Xogos Olímpicos, con presenza en sete edicións do principal evento deportivo internacional multidisciplinario do mundo.
Portela desfrutou dunha agradable mañá cos directivos e colexiados do CPEIG, con quen tivo a oportunidade de compartir a súa historia e reflexionar sobre a superación, o esforzo e a constancia que hai detrás de cada reto. “Foi un verdadeiro pracer vivir e compartir este momento con todos vós”, sinalou na súa despedida á familia do CPEIG.
Ao mediodía, o grupo trasladouse a Aventura Dakart, en Sanxenxo, onde compartiron un xantar e unha tarde cargada de actividades ao aire libre, como tirolina, circuítos arbóreos, canoas, minigolf, aquatic bikes, rocódromo ou os tobogáns acuáticos.