Pasar al contenido principal

O CPEIG dirixe un curso de administración electrónica, no que participan 70 empregados públicos, para contribuír a decidir como debe ser a administración na era da intelixencia artificial

Inauguración Curso Superior de Administración Electrónica 2026

Fernando Suárez, presidente: “A verdadeira transformación dixital consiste en aproveitar a tecnoloxía para repensar como facemos as cousas e permitir que os empregados públicos poidan dedicar máis tempo a aquilo no que as persoas son insubstituíbles”

Miguel Ángel Domínguez, presidente de Alastria: “La IA no sustituye al procedimiento administrativo, lo cumple más deprisa y con más garantías, si la administración marca las reglas”

Inaugurouse hoxe a décimo sexta edición do Curso Superior de Administración Electrónica que se impartirá ata o 20 de outubro na EGAP, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia 

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) inaugurou hoxe a décimo sexta edición do Curso Superior de Administración Electrónica 2026, organizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. O acto celebrouse no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela, presidido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

Na súa intervención, Fernando Suárez agradeceu a colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da EGAP para a organización da formación, unha colaboración sostida e unha aposta pola formación dos empregados públicos froito da vontade compartida de ir adaptando o curso ás necesidades de cada momento. “A verdadeira transformación dixital consiste en aproveitar a tecnoloxía para repensar como facemos as cousas, simplificar, eliminar pasos innecesarios, compartir información, automatizar aquilo que non aporta valor e permitir que os empregados públicos poidan dedicar máis tempo precisamente a aquilo no que as persoas son insubstituíbles”, asegurou o presidente do CPEIG.

Sinalou a relevancia dun curso que comezou en 2010 centrándose na Lei 11/2007, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, que converteu a relación electrónica coa Administración nun dereito da cidadanía e, como contrapartida, nunha obriga para as administracións de dispoñer os medios necesarios para facelo posible. O presidente analizou a situación actual, onde a administración electrónica é xa unha expectativa social. “A cidadanía non pensa que unha Administración ofrece un trámite electrónico porque unha lei a obriga, sinxelamente agarda poder facelo”, apuntou.

Suárez destacou que a velocidade do cambio non fixo máis que aumentar, chegando a falar en 2026 de automatización, GovTech e intelixencia artificial. “A pregunta agora é como incorporamos a IA á administración, sabendo onde aporta realmente valor, que procesos debemos transformar, que garantías necesitamos, que riscos debemos controlar e que papel deben seguir tendo sempre as persoas”, asegurou.

Tamén engadiu que o curso segue a ter unha demanda moi alta, xa que por exemplo na pasada edición recibíronse 200 solicitudes para 70 prazas, “demostrando o afán de aprendizaxe, actualización e de mellora dos empregados públicos”. Explicou que o programa deste ano volve combinar a perspectiva xurídica, técnica e práctica, que forma parte da esencia do curso, coas transformacións que están marcando o momento actual.

A Administración electrónica na era da intelixencia artificial

Por outra parte, o curso foi aberto cunha lección maxistral a cargo de Miguel Ángel Domínguez, presidente de Alastria e CEO de Add4U. “A Administración electrónica na era da intelixencia artificial: transformar para servir mellor” foi o título escollido para a súa intervención.

Segundo explicou Domínguez, a administración electrónica cumpriu a súa primeira misión: o expediente xa é dixital; mentres que a segunda sinalou que comeza agora, e céntrase en quen tramita a tecnoloxía.

“En un año los agentes de inteligencia artificial han pasado de la demostración al puesto de trabajo: leen el expediente, proponen el informe, preparan la notificación y dejan al empleado público la decisión y la firma. Eso cambia la pregunta del ciudadano, que ya no pide una sede electrónica, sino que el trámite se haga solo. Y cambia la del empleado, que necesita reglas, límites y supervisión para una tecnología que no obedece sin más”, destacou. Na sesión, Domínguez expuxo casos reais de tramitación asistida e proactiva en concellos, que esixe a Lei galega de impulso da IA e o regulamento europeo, e que pode facer cada asistente ao día seguinte ao volver ao seu posto. “La IA no sustituye al procedimiento administrativo, lo cumple más deprisa y con más garantías, si la administración marca las reglas”, puntualizou.

Formación transversal

Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico- xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da administración electrónica, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas Administracións galegas. Os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito. 

Os relatores do curso son o letrado e delegado de protección de datos do Consello Consultivo de Galicia, José Ángel Oreiro; a xefa do Departamento de Interoperabilidade e Servizos Dixitais da Amtega, Isabel Pillado; a subdirectora xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, Eva García; o socio-director P&S Abogados, Víctor Salgado; o responsable de proxectos Sector Público en NTT Data, Marcos Ferrer; o xefe de proxecto no Sector Público en NTT Data, Iván López; o xefe da Subárea de Seguridade da Amtega, Gustavo Herva; o presidente de Alastria e CEO de Add4u, Miguel Ángel Dominguez; a xefa do Servizo de Estratexia en Intelixencia Artificial, Innovación Administrativa e Publicacións Oficiais do Principado de Asturias, Carmen García; o ex xefe de sección do Arquivo do Reino de Galicia, Gabriel Quiroga; a secretaria da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa, Elena Barba; e as auditoras da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, Enriqueta Vía e Patricia Brión.

A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, que agradeceu aos relatores, que dispoñen dunha ampla experiencia e traxectoria nas súas respectivas áreas, a súa participación no programa. “Temos a sorte de contar cun profesorado extraordinario, docentes que traballan directamente sobre aquilo que van explicar, profesionais que implantan estes sistemas, que interpretan e aplican as normas, que xestionan proxectos, que se atopan todos os días cos problemas reais e que teñen que buscar solucións”, indicou.

Este curso superior, que servirá para dar formación a 70 empregados públicos, desenvolverase do 22 de setembro ao 20 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 22 e 29 de setembro e os días 6, 13 e 20 de outubro na EGAP, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación. O exame final en liña desenvolverase o 27 de outubro a través da aula virtual da EGAP.