Pasar al contenido principal

Parlamento finlandés autoriza o control dos correos dos empregados

A Ministra de Telecomunicacións de Finalandia Suvi Linden

O Eduskunta (Parlamento finlandés) aprobou por ampla maioría a reforma da Lei de Protección das Comunicacións Electrónicas, que autoriza ás empresas e organismos públicos a investigar os rexistros de correo electrónico dos seus empregados para evitar a filtración de segredos industriais.

O novo texto legal foi bautizado como 'Lei Nokia', debido á presión que durante máis de dous anos exerceu o fabricante finlandés de teléfonos móbiles para que se modificase a lei e se lle permitise supervisar os correos dos seus empregados, despois de sufrir varios presuntos casos de espionaxe industrial.

Políticos da oposición, expertos en Dereito e organizacións civís criticaron duramente a 'Lei Nokia', xa que consideran que atenta contra os dereitos fundamentais dos cidadáns.

Na votación, a 'Lei Nokia' recibiu 96 votos a favor, principalmente de deputados da coalición gobernamental de centro-dereita liderada por Matti Vanhanen, e 56 votos en contra.

Máis control, menos intimidade

Ata agora, a lexislación finlandesa garantía o segredo das comunicacións, e en caso de actividades sospeitosas, só a Policía podía investigar o correo electrónico dos traballadores mediante a correspondente orde xudicial.

Non obstante, cando a nova lei entre en vigor as empresas e institucións públicas poderán controlar datos do correo electrónico dos seus empregados, tales como o destinatario e o remitente, o formato e tamaño dos arquivos achegados, ou a data e hora das mensaxes, aínda que non poderán acceder ao seu contido.

Ademais das empresas, a nova lexislación permite o control das comunicacións electrónicas aos Ministerios, as bibliotecas, os centros educativos e mesmo ás comunidades de veciños que compartan un mesmo servidor de internet.

De feito, os detractores da lei consideran que o Goberno supeditou as liberdades individuais aos intereses de Nokia, o maior fabricante mundial de teléfonos móbiles e auténtico motor da economía finlandesa. Unha quinta parte dos ingresos estatais en concepto de imposto de sociedades proveñen de Nokia.

Lei 'á medida' de Nokia

A chamada 'Lei Nokia' ten a súa orixe en 2005, cando o xigante finlandés pediu á Policía que investigase a posible filtración de segredos empresariais á compañía chinesa Huawei por parte dalgún dos seus empregados.

Previamente, os servizos de seguridade de Nokia supervisaron sen permiso os correos electrónicos dos traballadores en busca de indicios sobre a orixe da presunta filtración á compañía chinesa, aínda que sen éxito.

Criticada por violar a privacidade das comunicacións dos seus traballadores, a compañía finlandesa empezou a premer o Goberno do primeiro ministro Matti Vanhanen para que modificase a lei, nun intento por evitar novas filtracións.

Outras empresas finlandesas uníronse á petición de Nokia, formando un poderoso grupo de presión que finalmente conseguiu que o Goberno accedese a emendar a lexislación, malia as fortes críticas dos partidos da oposición e de organizacións defensoras dos dereitos civís.

Polémica reforma

Consciente do peso do xigante finlandés na economía do país, o Executivo puxo a traballar na redacción dun borrador para reformar unha lei, a de Protección das Comunicacións Electrónicas, que fora aprobada tan só dous anos antes.

Unha vez listo o borrador, un comité parlamentario pediu a varios expertos que valorasen se o texto vulneraba os dereitos fundamentais. A pesar de que todos coincidiron en que a nova lei podía ser anticonstitucional, o comité parlamentario enviou o borrador ao Eduskunta para a súa tramitación.

O debate volveuse aínda máis polémico cando o diario 'Helsingin Sanomat', citando fontes anónimas, publicou que Nokia ameazara con trasladar a súa sede a outro país se a lei non era aprobada.

"A mensaxe que nos chegou a través da Confederación Nacional de Industria (EK) era moi clara: se non se aproba a lei, Nokia irase de Finlandia", declarou ao citado diario un funcionario anónimo que participou na preparación do borrador.

Non obstante, varios responsables da compañía, incluído o seu presidente, Olli-Pekka Kallasvuo, negaron rotundamente estas acusacións, e denunciaron o dano que estes rumores causaron á imaxe de Nokia en Finlandia.