Pasar al contenido principal

A culpa NON é do ordenador

Símbolo do CPEIG

Segundo informan diferentes medios de comunicación, onte déronse a coñecer as dificultades que está a pasar a Audiencia Nacional por problemas informáticos. Outro máis da infinidade de titulares onde aparece "fallo informático" como unha moda.

Dende o sector profesional na informática e novas tecnoloxías, comunicamos á sociedade que a culpa NON é do ordenador. Detrás destas máquinas hai responsables políticos e técnicos que son os que comenten os fallos.

Detrás de cada fallo informático escóndese unha cadea de carencias que deben ser reveladas: falta de proxectos, de planificación, de responsables técnicos e políticos non profesionais. En definitiva, hai unha falta de regulación do sector que nos está a levar ao subdesenvolvemento tecnolóxico.

¿Quen se pode imaxinar que detrás da derruba dunha ponte se lle bote a culpa á formigoneira?, ¿se unha operación cirúrxica sae mal a responsabilidade é do bisturí?, ¿en que cabeza cabe isto?.

A informática profesional non é un xogo, non é un curso de "office". No mundo no que nos toca vivir a sociedade depende cada vez máis de sistemas informáticos, e estes deben cumprir o seu labor dunha forma satisfactoria e con garantías. Por iso esiximos, en pro da chamada sociedade da información, que se regule e profesionalice o sector e que detrás de cada "fallo informático" saian á luz os verdadeiros responsables destes: as persoas, non os ordenadores.

Cada semana almorzamos con erros informáticos deste calado. Aínda así o Goberno de Rodríguez Zapatero négase a afrontar este problema e segue sen regular o exercicio profesional da informática, excluíndo estes profesionais das decisións que o executivo está a tomar neste ámbito.

O Goberno mal aconsellado levará a España á cola da sociedade dixital de Europa.