Pasar al contenido principal

Descuberta unha rede de espionaxe informática dende China a 103 países

Rede de comunicacións / Jupiter Unlimited

Segundo medios estadounidensese e británicos, o sistema, operado dende ordenadores situadas case todas en China, espiou as oficinas do líder espiritual dos tibetanos na India, así como tamén en Bruxelas, Londres e Nova York. Non obstante, segundo o diario 'The New York Times', non se pode probar a participación do goberno chinés na espionaxe.

Así mesmo, os programas intrusos do sistema, bautizado polos investigadores como 'GhostNet' (rede fantasma), entraron en menos de dous anos en polo menos 1.295 ordenadores e subtraeron miles de documentos de ordenadores dos Ministerios de Relacións Exteriores de 103 países.

Como unha inquitante versión de 'Grande Irmán', os espías poderían conectar cámaras e son aos ordenadores intervidos e observar as salas. Non obstante, os investigadores non saben se esta función foi utilizada ou non.

Os investigadores canadenses do centro Munk para Estudos Internacionais da Universidade de Toronto fixeron o descubrimento mentres inspeccionaban o ordendaor do Dalai Lama para encontrar posibles virus informáticos, por encarga do propio líder tibetano.

O secretario do Dalai Lama, Chhime Choekyapa, declarou á axencia alemá DPA en Nova Delhi que "sabían dende hai tempo" que os seus ordenadores foran interceptados. "Non obstante, non temos información sobre quen está detrás destes ataques", engadiu.

O Goberno de China?

Aínda que tres dos catro servidores de control se encontran en China, os investigadores evitaron culpar o goberno de Beijing. "Podería ser a CIA, ou os rusos. É un escuro imperio que temos cuberto cun veo", dixo Ronald Deibert, politólogo do centro Munk, en referencia ás dificultades que entraña Internet.

Tamén un voceiro do consulado chinés en Nova York se defendeu dunha posible implicación do seu goberno: "Iso son vellas historias, e trátase de bobadas", dixo Wenqi Gao. China rexeita toda forma de criminalidade informática, asegurou.

Polo menos nun caso, a operación de espionaxe tivo implicacións reais, segundo o rotativo. Despois de que unha oficina do Dalai Lama enviase por correo electrónico un convite a un diplomático estranxeiro, o goberno chinés desaconsellou ao home asistir.

Os investigadores canadenses lograron por casualidade identificar como funciona a operación. Un deles descubriu nos arquivos creados polo 'software' inimigo cunha inusual serie de 22 carácteres. Ao introducilos no buscador Google, deu cunha páxina web que sorprendentemente non estaba protexida por contrasinal.

Con axuda dos seus colegas, induciu aos espías a interceptar un ordenador no laboratorio de proba de Toronto. Entón, pola pantalla sucedéronse unha estraña serie de comandos. E cando os intrusos informáticos viron que non había nada interesante, desapareceron.

Alerta no Reino Unido

Por outro lado, os servizos secretos do Reino Unido alertaron ao Goberno de que China podería ter adquirido a capacidade de efectuar un ataque cibernético contra este país a través dos servizos de electricidade e telecomunicacións, publica 'The Sunday Times'.

Segundo o xornal, os directores dos servizos de intelixencia temen que equipamentos instalados pola empresa de telecomunicacións chinesa Huawei na nova rede da británica BT poidan usarse para bloquear servizos públicos clave como enerxía e subministracións de auga e alimentos.

'The Sunday Times' apunta que estas advertencias coinciden cun número crecente de ataques cibernéticos ao Reino Unido por parte de Gobernos estranxeiros, sobre toda Rusia e China.

Un documento confidencial distribuído por varios ministerios afirma que, aínda que a compañía británica de telecomunicacións BT tomou medidas para reducir o risco de ataques de piratas ou grupos de crime organizado, estas "non" serían efectivas ante un ataque deliberado de China".

O informe ministerial sinala que, aínda que o risco de que China explote as súas capacidades neste momento é "baixo", "o impacto (se o fixese) sería moi alto".

A compañía Huawei, dirixida por Ren Zhengfei, un ex director da división de investigación de telecomunicacións do Exército chinés, proporciona compoñentes clave para a nova rede valorada en 10.000 millóns de libras (10.700 millóns de euros) de BT, usada polos servizos secretos e o Exército do Reino Unido, entre outras institucións, coa que se actualizarán as telecomunicacións do país utilizando tecnoloxía de Internet.