Pasar al contenido principal

A USC e os Colexios Profesionais de Galicia de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática suman esforzos a través dun convenio

Momento da sinatura entre o CPEIG, CPTEIG e USC

A través do convenio asinado establécese unha colaboración continuada cos Colexios Profesionais de Galicia de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática, cuxos presidentes, Fernando Suárez Lorenzo e Miguel Abad González respectivamente, acudiron a San Xerome a asinar os devanditos acordos, que buscan fomentar o intercambio de experiencias nos eidos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.

Tanto a USC como os colexios profesionais coinciden na necesidade de aproximar o contorno educativo á realidade actual e comparten a necesidade de progresar no ordenamento do eido da Informática, na mellora continua das capacidades e habilidades para o exercicio da profesión, na concienciación pública dos beneficios económicos e sociais do uso das tecnoloxías da información e no crecemento e mellora do tecido científico-tecnolóxico galego relacionado coa ciencia informática.

A tal fin, a USC comprométese a facer chegar a existencia e os obxectivos dos dous colexios profesionais ao seu alumnado, facilitando a súa presenza nos actos científicos. Pola súa banda, os colexios establecerán tratos preferenciais ao colectivo de alumnos da USC para facilitar a súa asistencia a calquera evento que organice.

Regular a profesión

O decano do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia agradeceu no acto o apoio do reitor da USC na defensa da regulación da profesión. Barro cualificou de "paradigmático" que esta titulación non estea aínda regulada con atribucións profesionais "tendo en conta que en España hai xa 150.000 titulados nas tres décadas de vida destes estudos".

Estudos na USC

A Universidade compostelá oferta este ano o Grao en Enxeñaría Informática, cuxas 60 prazas están xa cubertas, deseñado en estreita colaboración cos Colexios profesionais que agora traballan conxuntamente no deseño do máster oficial.