Pasar al contenido principal

O colexio participa o xoves nunha mesa redonda sobre menores e internet, e o sábado no Foro Iberoamericano de Ciberpolicías

Placa da Guardia Civil

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participará activamente como opinión experta na Semana Institucional da Garda Civil, que se celebra na cidade da Coruña. Deste xeito, o vindeiro xoves, día 1, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, intervirá na mesa redonda Menores e Internet e o sábado, día 3, no debate Liberdade vs Seguridade na Rede.

O vindeiro xoves o Auditorio da Fundación Caixa Galicia acollerá a partir das sete do serán a mesa redonda Menores e Internet. O debate plasmará a reocupación crecente que existe na sociedade sobre a seguridade dos menores no uso de Internet, especialmente na conexión a redes sociais, mensaxería instantánea, chats e xogos en liña.

Nesta mesa redonda intervirán, ademais do presidente do colexio, duardo Martínez Viqueira, tenente coronel da Garda Civil e xefe de Policía Xudicial e Información da Comandancia da Coruña; Natalia Martos Díaz, directora xurídica de Privacidade da rede social TUENTI; e Santiago Lamelo Fagilde, representante das Asociacións de Pais e Nais de Alumnos da provincia da Coruña. Actuará como moderador Juan Salom Clotet, comandante da Garda Civil e xefe da Unidade de Delictos Telemáticos.

En canto á mesa redonda prevista para o sábado de 11.00 a 13.00 horas no paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña, a organización da mesma pretende ofrecer distintas versións do binomio liberdade/seguridade na rede, dentro da celebración do VI Foro Iberoamericano de Encontro de Ciberpolicías. Os expertos convocados neste seminario abordarán aspectos de interese, entre eles a necesidade ou non de máis medidas para garantir máis seguridade; se estas medidas son compatibles co espazo de liberdade que representa a rede ou se é posible tecnicamente "ordenar" a rede. Os relatores debaterán, ademais, sobre a autorregulación ou a mellora da política criminal, entre outros asuntos.

Desde un enfoque máis técnico, intervirá o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo. Acompañarano na mesa o garda civil Juan Salom Clotet; o avogado-socio do bufete Pintos&Salgado Víctor Salgado Seguín; o alumno da Universidade da Coruña José Andrés Serantes Villadoniga e Luis María Uriarte Valiente, da Fiscalía de Pontevedra.