Pasar al contenido principal

O colexio reúnese co Fiscal Superior de Galicia

O presidente do colexio, Fernando Suárez, e o vogal, Francisco Bago, reunidos con Carlos Varela, Fiscal Superior de Galicia

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, e o vogal da mesma corporación Francisco Bago mantiveron unha xuntanza co Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, dentro da rolda de contactos que o órgano colexial está a realizar para divulgar as funcións e iniciativas do propio colexio. Na reunión mantida abordáronse as posibles vías de colaboración.

Os representantes do CPEIG fixeron fincapé no Corpo Oficial de Peritos (COP), especializado en informática forense, do CPEIG e, ademais, ofrecéronlle a Carlos Varela a colaboración do colexio en calquera aspecto informativo ou divulgativo sobre a protección de datos. Pola súa banda, Varela amosou interese polo COP e en estudar futuras liñas de colaboración.

O COP ten como funcións as de dar cobertura e cooperar coa Administración de Xustiza segundo o establecido polo artigo 335 da Lei de Enxuizamento Civil e de acordo co recollido nos estatutos do colexio. Particulares e empresas poden acollerse a este servizo en casos penais, civís, sociais, particulares e seguros, entre outros.

Desde a espionaxe á publicidade enganosa

As intervencións do COP poden relacionarse co descubrimento e revelación de segredos ou espionaxe industrial; delitos económicos, societarios ou contra o mercado ou os consumidores realizados por medio de sistemas informáticos; delitos contra a propiedade intelectual e industrial; vulneración da
intimidade, lectura de correo electrónico; estafa, fraudes ou conspiración; despido procedente ou improcedente; publicidade enganosa, etc.

Existe unha única listaxe de peritos conformada polo conxunto dos membros do COP que se pon a disposición dos axentes xudiciais e se actualiza anualmente. Todos os membros deste corpo teñen unha acreditación de formación en informática forense para exercer como peritos. Para poder facer uso do servizo de peritaxe do CPEIG, os interesados poden contactar coa Comisión de Peritaxes a través do sitio web do Colexio http://www.cpeig.org, mediante o teléfono indicado a continuación: 981 553 355 ou a través do correo electrónico: comisión.peritaxes@cpeig.org.