Pasar al contenido principal

CPEIG e EGAP unen esforzos nos ámbitos formativo, divulgador e investigador

Logotipo da escola galega de administracións públicas (EGAP)

O director da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Pablo Figueroa Dorrego, e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, veñen de asinar un convenio marco de colaboración entre as dúas institucións co obxectivo de establecer fórmulas de colaboración no ámbito formativo, divulgador e investigador.

As modalidades de colaboración poderán consistir -segundo consta no texto rubricado- na realización conxunta de cursos, xornadas e seminarios dirixidos á formación dos colexiados ou doutros colectivos profesionais; na participación da EGAP na programación anual de cursos organizados pola comisión de formación do colexio; na participación dos colexiados e do persoal cualificado nas actividades formativas organizadas pola EGAP; na edición conxunta de libros, outras publicacións e documentos de traballo; e na promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos e contratos de investigación conxuntos.

Así mesmo, o acordo establece a formación dunha comisión mixta integrada por representantes de cada unha das institucións, á que lle corresponderá a "concreción, seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do presente convenio". A vixencia do convenio esténdese ata o 31 de decembro do presente ano.

Cómpre lembrar que este ano se iniciou xa a colaboración entre a escola e o colexio, de xeito que se está a desenvolver na sede da EGAP o Curso Superior de Administración Electrónica, que finalizará o 15 de xullo e no que participan como coordinadores e relatores unha serie de membros do CPEIG. Debido ao éxito do curso, xa está prevista unha nova edición na que o colexio volverá participar de xeito destacado. Así mesmo, o CPEIG tamén vén colaborando coa EGAP achegándolle docentes para a realización de cursos de teleformación.

Coa sinatura do acordo de colaboración coa EGAP, o CPEIG prosegue a súa rolda de contactos con institucións e organismos a prol da defensa dos intereses dos colexiados e da profesión de Enxeñaría en Informática.