Pasar al contenido principal

O CPEIG felicita aos novos reitores e demándalles "apoio firme" para a profesión informática

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) felicita publicamente os dous novos reitores recentemente elixidos: Juan Casares, da Universidade de Santiago de Compostela, e Salustiano Mato, da Universidade de Vigo, ao tempo que lles precisa varias reclamacións e lles pide a súa implicación en varios puntos determinantes para o futuro da profesión que representa o órgano colexial.

Deste xeito, o presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo, trasladoulles aos máximos responsables universitarios as seguintes demandas:

  • Fichas oficiais para a Enxeñaría en Informática, é dicir, que os requisitos para a verificación dos títulos universitarios oficiais (os cales garanten a adquisición de competencias necesarias na profesión de Enxeñeiro/a en Informática) sexan aprobados como ordes ministeriais de obrigado cumprimento, como acontece no resto das enxeñarías.
  • Atribucións profesionais propias para os/as enxeñeiros/as en Informática polo ben xeral da sociedade a través da regulación da profesión.

Así mesmo, o colexio solicítalles aos novos reitores:

  • Tomar parte activa na defensa dos intereses dos enxeñeiros/as en Informática no Consejo de Universidades, a Conferencia de Rectores de España (CRUE) e en xeral nos organismos competentes na materia: Ministerio de Educación, Ministerio de Economía y Hacienda e Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
  • Fomento de campañas de difusión da profesión de Enxeñaría Informática a nivel nacional.
  • Expresar publicamente o seu acordo en relación á igualdade da Enxeñaría en Informática con respecto ás demais enxeñarías.
  • Manifestar publicamente o seu desacordo coas posturas dos diferentes ministerios sobre a última carta do Defensor del Pueblo referentes á importancia da profesión de enxeñeiro en Informática, en especial no seguinte punto: "La regulación de las profesiones de Ingeniero e Ingeniero Técnico Informático no parece justificada puesto que no se presta de forma directa a consumidores que requieran de una especial protección por estar sujetos a daños graves e irreversibles en su salud o seguridad personal".

Por último, o CPEIG lémbralles aos dous reitores a oportunidade de que, diante da creación de futuros centros de investigación en materia TIC, a súa dirección recaia en membros do ámbito das Enxeñarías en Informática. En resumo, os colexiados e colexiadas demándanlles a Mato e Casares o seu firme apoio á profesión de Enxeñaría en Informática.

O presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, fíxolles chegar as demandas e reclamacións do colexio aos dous reitores electos mediante senllas cartas remitidas hoxe mesmo.