Pasar al contenido principal

O colexio convoca o Premio Proxecto Fin de carreira, cunha dotación económica de 1.000 euros, como estímulo aos/ás estudantes

Logotipo da II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar o primeiro Premio Proxecto Fin de Carreira, dirixido a estudantes de Enxeñaría en Informática que realizaran os seus estudos en Galicia nos últimos dous anos (2009 ou 2010). Con este galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática.

Aqueles/as estudantes que desexen participar nesta convocatoria poden atopar ao final desta páxina as bases da mesma e o modelo de candidatura. Unha comisión, integrada por docentes universitarios e representantes do CPEIG, valorará os traballos recibidos e determinará o nome do gañador ou gañadora. A persoa galardoada recibirá 1.000 euros como premio ao seu esforzo e traballo.

O galardón do CPEIG insírese nos Premios da II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará no presente ano o vindeiro 15 de outubro, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. Este evento anual representa un punto de encontro entre todos/as os/as colexiados/as e o ano pasado tivo a súa primeira edición, cunha destacada participación de colexiados e colexiadas, e cargos institucionais e políticos.