Pasar al contenido principal

O colexio reivindica ante ante o Concello da Coruña a profesionalidade dos/as titulados/as en Enxeñaría en Informática

Símbolo do CPEIG

O Presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, vén de remitirlle unha carta ao alcalde da Coruña, Francisco Javier Losada de Aspiazu, na que reivindica a profesionalidade dos titulados e tituladas en Enxeñaría en Informática. Suárez Lorenzo manifesta na misiva o desacordo en relación á política de acceso ao emprego do Concello da Coruña, que considera lesiva para o colectivo que representa.

O presidente do CPEIG refírese concretamente á publicación no BOP do pasado 2 de xullo das bases para contratar un técnico medio de innovación tecnolóxica. As funcións que desempeñará o técnico correspóndense claramente coa Enxeñaría en Informática aínda que as bases inclúen a posibilidade de que os propios enxeñeiros e enxeñeiras en Informática queden excluídos do proceso de selección, ao esixir como titulación a Enxeñaría Técnica en Informática en exclusividade. Desde o punto de vista do colexio profesional, este feito representa "unha clara e grave desconsideración cara á Enxeñaría en Informática e os seus profesionais".

Reserva de prazas específicas

"Os colexiados e colexiadas do CPEIG demandámoslle a reserva de prazas específicas para a nosa titulación cando así o requiran as necesidades do Concello, sen prexuízo de que, atendendo ás características do posto concreto, poidan ser tamén accesibles as titulacións técnicas no eido da Enxeñaría en Informática". "Pola importancia da actividade, por razóns de seguridade e responsabilidade, resulta preciso que tales funcións sexan desempeñadas por profesionais cualificados e especialmente formados a tal fin", aclara a misiva.
Precisamente, un dos obxectivos prioritarios do CPEIG é conseguir o acceso á función pública dos enxeñeiros e enxeñeiras en Informática coas mesmas consideracións có resto das enxeñarías. Nos últimos mesmes, Fernando Suárez Lorenzo transmitiulle tamén as queixas do colectivo que representa á Deputación da Coruña e á Xunta por considerar as políticas de acceso ao emprego destes organismos contrarias á unha das principais demandas do colexio: a de reservar prazas específicas para a titulación de Enxeñaría en Informática cando o requiran as características do posto ofertado e garantir así a profesionalidade no traballo informático.