Pasar al contenido principal

O colexio colaborará coa Academia Galega de Seguridade Pública en formación, divulgación e investigación

Logotipo de AGASP

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Academia Galega de Seguridade Pública colaborarán no desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e de investigación, segundo o acordo que veñen de asinar o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, e o director xeral de AGASP, José Carlos García Bouzas. A iniciativa enmárcase no obxectivo do CPEIG de potenciar o progreso de Galicia a través da correcta difusión, desenvolvemento e aplicación da ciencia informática en todos os ámbitos, e, en especial nos que afecten á seguridade dos cidadáns.

Segundo o acordo, CPEIG e AGASP comprométense a colaborar na realización de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación, na edición de publicacións e no desenvolvemento de proxectos de investigación conxuntos, así como en calquera outro aspecto que resulte de interese para ambas entidades. Trátase de garantir a máxima profesionalización no desenvolvemento de accións relacionadas coas novas tecnoloxías, a prol dunha mellor calidade nos servizos de seguridade pública e unha mellor atención aos cidadáns.