Pasar al contenido principal

O colexio asina un convenio de colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica

Logotipo da Xunta de Galicia

A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica colabora co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) no desenvolvemento de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da Información. Así se recolle nun convenio asinado hoxe entre ambas entidades e en virtude do cal o departamento autonómico achegará 112.000 euros ao CPEIG para a realización de 6 actividades diferentes.

O acordo posibilitará a organización de tres xornadas formativas, a elaboración dun estudo sobre a situación da sinatura electrónica, a celebración da II Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia e a posta en marcha, por primeira, vez do Plan Navega con Rumbo.

Iniciativa para os escolares

Ao abeiro do convenio asinado hoxe, o Colexio de Enxeñaría Informática desenvolverá unha nova iniciativa, o Plan Navega con Rumbo, unha ferramenta orientada aos escolares para que poidan buscar información para realizar os seus traballos e completar o estudo das materias, divertirse xogando no tempo de lecer e comunicarse con persoas doutros lugares

O Plan Navega con Rumbo, ao que se destinarán 36.000 euros, busca implicar ao profesorado así como aos pais e nais na navegación responsable dos escolares e con ese obxectivo elaborará 25.000 guías para alumnos, familias, e profesorado, cada unha delas cun decálogo de recomendacións e un glosario de enlaces de interese. A iniciativa contempla tamén a creación dunha páxina web específica do programa, con todos os materiais impresos e un xogo que amose de xeito ameno como navegar por Internet.

Para divulgar o plan os colexiados visitarán os centros de ensino onde exporán o contido da proxecto, as recomendacións e consellos necesarios. Tamén está prevista unha campaña divulgativa, preferentemente en Internet.

Xornadas

Do orzamento total estipulado no acordo, o CPEIG destinará 18.000 euros á celebración dunhas xornadas abertas sobre Protección de Datos de Carácter Persoal, dirixidas ao público en xeral, co obxectivo de difundir a normativa sobre protección de datos e a súa aplicabilidade. Destinadas aos profesionais do sector o Colexio organizará unhas xornadas sobre Auditoría Informática para aportar calidade ao proceso de desenvolvemento software e mantemento de sistemas informáticos. O propósito final destas xornadas, ás que se destinarán 13.000 euros, é a creación do Corpo de Auditores en Informática.

A terceira xornada prevista, que tamén contará cun orzamento de 13.000 euros, centrarase na Dirección e Xestión de Proxectos Informáticos. Estarán dirixidas a profesionais con responsabilidades directivas para ampliar as súas capacidades nese ámbito.

Estudio e Encontro do sector

Outra das actuacións recollidas no convenio é a elaboración dun estudio sobre a situación actual da sinatura electrónica que incluirá a análise dos elementos e entidades que interveñen na mesma. O estudo, que se presentará nunha xornada de portas abertas, contará cunha achega de 22.000 euros.

Por outra banda, o CPEIG destinará 10.000 euros á celebración da II Noite de Enxeñaría Informática de Galicia que reunirá a representantes da Administración autonómica, universidades, empresas do sector TIC e numerosos colexiados. Un encontro no que o Colexio recoñecerá as accións en defensa dos intereses do colectivo que representa así como proxectos innovadores e persoeiros salientables no mundo da Enxeñaría Informática.