Pasar al contenido principal

O CPEIG asume a vicepresidencia do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática

Símbolo do CPEIG

Os membros do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) amosan a súa satisfacción pola constitución do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática o pasado sábado, día 18. Trátase dun novo órgano que representa un avance fundamental na regulación da profesión, posto que reúne os intereses de todos os colexios de España. O CPEIG estará representado na xunta de goberno do Consejo a través do seu presidente, Fernando Suárez, que actuará de vicepresidente primeiro, e do colexiado galego Juan Otero, como secretario segundo da nova entidade.

O Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática é unha corporación de dereito público, sen ánimo de lucro, dotada de personalidade xurídica propia e plena capacidade para obrar para o cumprimento dos seus fins. Entre estes últimos figuran o de promover a sociedade da información e o coñecemento en España e velar polo cumprimento dos preceptos constitucionais no uso da informática para garantir a honra e a intimidade dos cidadáns. Ademais, o novo órgano traballará a prol da ordenación do exercicio da profesión de Enxeñaría en Informática e na defensa dos intereses profesionais dos colexiados e colexiadas pertencentes ás corporacións integrantes, así como na protección dos usuarios dos seus servizos.

O obxectivo compartido por todos os colexios representados no Consejo é conseguir situar a Enxeñaría en Informática en condicións de igualdade co resto das enxeñarías en todos os ámbitos, desde o universitario ao profesional. O Consejo General de Colegios de Ingenieros en Informática está integrado por todos os colexios profesionais de enxeñeiros/as en Informática creados en España: colexios de Andalucía, Principado de Asturias, Ilas Baleares, Castela-A Mancha, Castela e León, Cataluña, Galicia, Estremadura, Murcia, País Vasco e Comunidade Valenciana.