O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de facer público o nome do gañador do primeiro Premio Proxecto Fin de Carreira, dirixido a estudantes de Enxeñaría en Informática que realizaran os seus estudos en Galicia nos últimos dous anos (2009 ou 2010). Roberto Rey Expósito, co proxecto Deseño e Implementación dunha Biblioteca de Comunicacións en Java para Paso de Mensaxes sobre a Rede Infiniband resultou ser o gañador da primeira edición do galardón. Con este premio, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática.
INTERESE DA AXENCIA AEROSPACIAL EUROPEA
O proxecto fin de carreira de Rey Expósito, cualificado con matrícula de honra no presente ano 2010 pola Universidade da Coruña, soluciona a carencia en Java de soporte eficiente en redes de baixa latencia como Infiniband, a rede más popular do Top500. Este proxecto presenta un middleweare eficiente para Java sobre Infiniband, sendo integrado na biblioteca MPJ máis importante (MPJ Express). O impacto do seu uso en aplicacións reais é moi significativo, obtendo melloras de rendemento de ata unha orde de magnitude, o cal motivou o interese da ESA (Axencia Aeroespacial Europea).
O gañador recibirá unha estatuíña e un diploma acreditativos, ademais dun premio en metálico de mil euros no decurso da Segunda Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que se celebrará o vindeiro venres día 15 no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.
MEMBROS DO XURADO
Actuaron como xurado do primeiro Premio Proxecto Fin de Carreira do CPEIG: Alberto Valderruten Vidal, decano da Facultade de Informática da Coruña; María José Carreira Nouche, subdirectora da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago; Francisco Javier Rodríguez Martínez, subdirector de Sistemas da Escola superior de Enxeñaría Informática de Ourense (Universidade de Vigo); Juan Antonio Valiño García, secretario do CPEIG, quen actuou como secretario, e Fernando Suárez Lorenzo, presidente do CPEIG, como presidente do xurado.
OUTROS GAÑADORES
O vindeiro venres terá lugar a cita anual dos enxeñeiros e enxeñeiras en informática de Galicia. Nunha gala que terá lugar no Hostal dos Reis Católicos, os membros do CPEIG recoñecerán aquelas iniciativas e persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática. Está previsto que participen preto de 200 colexiados e colexiadas, ademais de destacadas autoridades dos eidos político e universitario. Os premiados na gala serán:
- Premio ao Proxecto Innovador: a factura electrónica da Consellería de Facenda.
- Premio á Traxectoria Profesional: Pablo Santos Luaces, conselleiro delegado e fundador de Códice Software.
Premio Iniciativa Empresarial: Clúster TIC de Galicia. - Premio Iniciativa da Administración: 2014.gal Axenda Dixital de Galicia.
- Premio Proxecto Fin de Carreira: Roberto Rey Expósito.
Agás no caso da persoa premiada co galardón ao Proxecto Fin de Carreira, os demais premiados recibirán unha estatuíña e un diploma acreditativos, sen dotación económica.
PATROCINADORES DE LUXO
Para a organización desta Noite, o CPEIG contou coa colaboración e apoio económico de diversas entidades e empresas que operan no eido das novas tecnoloxías. Como patrocinadores de ouro: Hewlett-Packard, Telefónica, Bahía Software, Plexus, Altia, Atos Consulting, Everis, Bull e Xunta de Galicia. Como patrocinador de prata: Coremain. Patrocinadores de bronce: Tecnocom, IECISA, T-Systems, Balidea e INSA. Así mesmo, a entidade La Caixa tamén apoia economicamente a Segunda Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.
Os colexiados e colexiadas gozarán dunha noite ideada para o encontro e intercambio lúdico, que se pechará cunha cea no Hostal dos Reis Católicos. A entrega de premios será conducida polo artista Miguel Lago -coñecido por ser o monologuista máis novo de todos os que actuaron ata o momento no Club de la Comedia e colaborador habitual da Paramount Comedy, ademais de actor no "reality" Curso del 63- e contará tamén coa actuación do grupo musica Alo-Django Alo-Django.