Pasar al contenido principal

O bufete Pintos & Salgado entra a formar parte das empresas colaboradoras do colexio

Logotipo de Pintos & Salgado

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e o bufete Pintos &Salgado veñen de asinar un acordo de colaboración que representará para o colexio en xeral e para os colexiados en particular condicións vantaxosas nos servizos prestados polo despacho de avogados.

Segundo o acordo, o bufete comprométese a ofrecerlles aos colexiados un servizo de asesoramento xurídico preferente en materia de Dereito das Novas Tecnoloxías, coa primeira consulta de balde, e un desconto xenérico do 25 por cento sobre as tarifas habituais, que tamén será efectivo para o colexio. Ademais, os profesionais de Pintos & Salgado participarán como relatores nos eventos organizados polo CPEIG sobre calquera das áreas cubertas polo despacho, así como nas accións divulgativas nas que colabore o colexio. O bufete manterá a oferta formativa preferente para o colexio e os seus colexiados e colexiadas. 

Por outra banda, no acordo, as dúas entidades manifestan a súa vontade de colaborar noutros proxectos. Así, o bufete asistirá legalmente ao colexio en xuntanzas con outras entidades e nos procesos de consulta de proxectos lexislativos nos que participe o CPEIG. O despacho participará tamén en publicacións e estudos desenvolvidos polo colexio relacionados cos riscos, cumprimento e uso de tecnoloxías de seguridade na Sociedade da Información. Ademais, Pintos & Salgado contará co Colexio para as actividades periciais que poida precisar o despacho en materia informática. O compromiso do CPEIG céntrase en manter información relativa ao despacho na súa web e nas comunicacións sobre temática xurídica que se lles fagan aos colexiados.

Pintos & Salgado súmase así ao listado de empresas de distintos sectores que xa ofrecen condicións vantaxosas ao CPEIG e aos seus colexiados, onde xa figuran a axencia de viaxes Viajes Viloria as entidades bancarias ING e Caixa Galicia, a empresa de informática HP, a libraría Díaz de Santos, a Universidade Europea de Madrid, o despacho de avogados León&Pérez e a compañía de seguros de saúde Adeslas. No ámbito da hostalería, os colexiados e colexiadas do CPEIG poden atopar condicións especiais no hotel Puerta del Camino, en Santiago, no Talaso Hotel Louxo, na Toxa, e nos establecementos Pqliar.