Pasar al contenido principal

O colexio e a Xunta de Galicia presentan un libro sobre o Decreto de Administración Electrónica

Logotipo da Xunta de Galicia

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coa Xunta de Galicia, presentará o vindeiro luns, día 11, o libro Anotacións e comentarios ao Decreto de Administración Electrónica de Galicia, unha publicación dirixida por Rafal A. Millán Calenti e coordinada polo presidente do colexio, Fernando Suárez Lorenzo. No acto de presentación intervirán, ademais dos anteriores, o conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda Valenzuela, e a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira Álvarez.

Na obra participan un gran abano de profesionais da Administración autonómica e local que realizan achegas de carácter xurídico, técnico e organizativo sobre o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nos seus organismos dependentes. A publicación enmárcase no convenio de colaboración suscrito entre o CPEIG e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación.

Trátase dunha obra de carácter ilustrativo, cun enfoque didáctico e eminentemente práctica. As anotacións e comentarios ao decreto perseguen o obxectivo de aclarar conceptos, termos e expresións ao uso cando se trata de aplicar a informática aos procedementos administrativos. O libro é unha ferramenta axeitada e complementaria para o apoio á implantación real da Administración electrónica na nosa Comunidade autónoma.

INVITACIÓN A ASISTIR

O acto de presentación, ao que están convidados todos/as colexiados/as terá lugar o vindeiro luns ás 11.00 horas no Salón Grande da Consellería de Presidencia, no Complexo Administrativo de San Caetano.