Pasar al contenido principal

Carta ao director da Voz de Galicia remitida polo CPEIG

Símbolo do CPEIG

Prezado director de La Voz de Galicia:

Unha vez máis, un medio de comunicación, neste caso o que vostede ten a responsabilidade de dirixir, bota man da expresión "fallo informático" para encubrir a incapacidade das institucións e organismos que gobernan os nosos destinos para manter os datos dos cidadáns seguros, exactos e postos ao día. Na noticia do pasado día 4 de novembro titulada Un error informático deja en tierra al más viejo lobo de mar, ponse en evidencia que a responsabilidade é humana e que o tan usado concepto "fallo informático" resulta ser unha vía de escape para que alguén ou algo, neste caso o Instituto Social da Marina, non asuma a responsabilidade que lle corresponde.

Sentimos que o vello mariñeiro protagonista desta noticia non puidese saír ao mar debido ao que, en verdade e tal como se describe ao final da noticia, resultou ser un problema burocrático. Desde o punto de vista do colexio que presido, unha sociedade cívica, á que tanto teñen que achegar os medios de comunicación como La Voz de Galicia, constrúese baixo a premisa da asunción de responsabilidades.

En conclusión, o CPEIG solicítalle a La Voz de Galicia, ao igual que xa fixemos con outros medios de comunicación, que antes de cualificar un desatino con un ou outro adxectivo analice se se trata dun erro con máis cariz humano ca informático. A veracidade das informacións resultará, así, beneficiada.

Moitas grazas

Fernando Suárez Lorenzo

Presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)