Pasar al contenido principal

Pésame do CPEIG polo falecemento de Víctor Gulías

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) lamenta o inesperado pasamento de Víctor Gulías, director do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións) e profesor titular na UDC. Desde este portal, trasladámoslle á súa familia o apoio e solidariedade dos colexiados e colexiadas.

Para o CPEIG, Víctor é un referente polo moito que traballou a prol da dignificación da nosa profesión e a favor das TIC, labores que desde aquí lle recoñecemos con agradecemento sincero. Asemade, Gulías representa, como emprendedor, un exemplo de que é factible crear solucións empresariais competitivas globais desde Galicia e apostar pola internacionalización das nosas empresas.

Investigador, docente e emprendedor de recoñecida traxectoria, Víctor era aínda máis brillante na súa faceta persoal, motivo polo que a súa ausencia deixa entre nós un grande oco.

O CPEIG únese, deste xeito, ao pesar polo falecemento de Víctor Gulías cunha especial lembranza á súa familia e amigos. Descanse en paz.