Pasar al contenido principal

O CPEIG cualifica a administración electrónica de novo medio de comunicación coa cidadanía

Clausura xornadas Administración electrónica, Sede, Goberno e Contratación

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) clausurou esta mañá en Santiago de Compostela as xornadas Administración electrónica, Sede, Goberno e Contratación, organizadas en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e o centro de Estudos Cooperativos da USC.

No acto de clausura, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, destacou a calidade dos relatores e a afluencia de público, con 140 inscritos, e indicou que a Administración electrónica permite non só un avance da propia Administración, senón un maior achegamento e apertura cara á cidadanía. 

Afondou nesta idea e indicou que se trata dun verdadeiro medio de comunicación co cidadán, que se converte nunha "canle bidireccional na que se pode solicitar información xeral e persoal, ademais de enviar escritos, suxestións, queixas ou calquera documento electrónico".

Emilia Vázquez Rozas, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, onde se desenvolveron as xornadas, e o director do Centro de Estudos Cooperativos da USC, Manuel Botana Agra, participaron tamén no acto de clausura.

Pulo ao Open Data

Suárez Lorenzo referiuse tamén na súa intervención ás iniciativas Open Data e RISP, que, ao seu ver, constitúen "elementos xeradores de emprego e riqueza ao abrir a posibilidade de oportunidades de negocio para emprendedores que poden crear novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información". Deste xeito, explicou que o CPEIG fai explícito o seu apoio a estas iniciativas a través da convocatoria do Primeiro Premio Open Data.
Para fomentar o coñecemento e potenciar o espírito emprendedor na nosa comunidade, o CPEIG convocou o I Premio Open Data, aberto á presentación de candidaturas ata o 31 de maio, e que tenta ser un estímulo para o desenvolvemento de aplicacións neste novo paradigma.