Pasar al contenido principal

Os enxeñeiros informáticos, entre os menos afectados polo paro xuvenil

Código Cero

O perfil do enxeñeiro en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) "resiste mellor á crise en comparación con outros sectores". Esta mensaxe esperanzadora para os milleiros de estudantes que se forman nas universidades españolas, é unha das conclusións ás que chegaron na Escola Universitaria Informática Tomás Cerdá, onde, baseándose na análise das saídas laborais do seu alumnado de Grao de Informática e Servizos, aseguran que "o 84% dos alumnos atopan traballo antes de rematar os seus estudos".

Nesta EU Informática Tomás Cerdá, 8 de cada 10 mozos e mozas colócanse xa nas empresas onde realizaron as súas prácticas, e o resto, segundo indican, atopan emprego nun prazo aproximado de 30 días despois de graduarse; ben a través da súa bolsa de traballo ou ben a través doutras canles de acceso ao mercado laboral.

E é que segundo os últimos datos do Eurostat, os enxeñeiros informáticos están nunha situación privilexiada, cunha taxa de paro dun 7,65%, que contrasta chamativamente coa media estatal, situada no 50,5%.

En palabras de Manel Taboada, coordinador de formación de posgrao da EU Tomàs Cerdà, "o perfil dos enxeñeiros informáticos é un dos máis demandados polas empresas" e mesmo se estima que en 2020 "haberá un déficit de 12.000 enxeñeiros".

A explicación vén dada porque os enxeñeiros informáticos lideran actualmente os negocios máis innovadores e caracterízanse, segundo Taboada, "por ser persoas con facilidade para a lóxica, a creatividade, o sentido da curiosidade, constancia e capacidada para atopar solucións prácticas", o que lle facilita moito o labor de atopar traballo ou emprender un negocio.

Asemade, segundo o último estudo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario (ACU), os graduados universitarios en áreas técnicas son os que teñen unha maior correspondencia entre formaión e emprego desempeñado; son tamén os que contan con máis contratos fixos e a xornada completa; e son os que perciben maior soldo; de feito, "entre os exeñeiros hai máis dousmileuristas que mileuristas", afirman orgullosos.