Pasar al contenido principal

Unión Profesional de Galicia organiza un Seminario sobre a proba pericial

Unión Profesional de Galicia

 Unión Profesional de Galicia organiza o próximo 7 de xuño en Santiago de Compostela un Seminario sobre a proba pericial. A asociación cita aos profesionais da pericia xudicial a un encontro onde se analizarán aspectos técnicos e xurídicos sobre a proba pericial cando son necesarios coñecementos científicos, técnicos, artísticos ou prácticos para valorar feitos ou circunstancias relevantes nun proceso xudicial, segundo indica a propia lei.

Este encontro está dirixido aos profesionais que están vinculados aos máis de corenta colexios profesións que integran Unión Profesional de Galicia.

O seminario, que se celebrará na aula magna da Escola Galega de Administración Pública, será inaugurado polo fiscal xeral de Galicia, Carlos Varela García; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez; o presidente de Unión Profesional de Galicia, José Mª Arroxo Fernández e o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Jorge Duarte Vázquez. A primeira conferencia estará a cargo do fiscal delegado para Galicia de Medio Ambiente e Urbanismo, Álvaro García Ortiz, que falará sobre A proba pericial no proceso penal.
Tras as achegas da Fiscalía, serán os profesionais quen tomen a palabra. Carlos Alvira Duplá, presidente da Unión de Arquitectos, Peritos e Forenses de España e César Jiménez López; presidente da Agrupación de Arquitectos, Peritos e Forenses do Colexio de Arquitectos de Galicia analizarán A proba pericial desde o punto de vista do perito. A continuación intervirá un representante do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Unha mesa redonda, moderada por Antonio Macho, secretario xeral de Unión Profesional de Galicia e decano do Colexio Oficial de Químicos de Galicia, pechará a xornada. Nela participarán Juan Luís Barja Pérez, do Colexio de Biólogos de Galicia; José Antonio Viéitez Valiñas; do Colexio Oficial de Químicos de Galicia; José Anxo Raña Caamaño, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas da Coruña e un representante do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Os expertos debaterán sobre O papel dos profesionais na proba pericial.

As xornadas serán clausuradas por Manuel Branco González, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, quen estará acompañado de José Mª Arroxo e Antonio Macho.