Pasar al contenido principal

O CPEIG oferta dúas bolsas para cursar o Máster en Computación de Altas Prestacións

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de convocar dúas bolsas dirixidas a colexiados para o Máster Interuniversitario en Computación de Altas Prestacións HPC (High Performance Computing). A entidade colexial reforza así a súa aposta pola formación e especialización dos colexiados e colexiadas.

O Máster en Computación de Altas Prestacións vai dirixido á formación de profesionais, tecnólogos e investigadores no campo da arquitectura de computadores e a computación de altas prestacións. O CPEIG asume o 33% do custo de matriculación, que ascende a un total de 1.788 euros. O centros onde se impartirá serán a Escola Técnica Superior de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Informática da Universidade da Coruña e a aula de formación do CESGA.

O alumnado deste máster poderá seguir as clases en remoto, é dicir, sen necesidade de desprazarse fisicamente ás aulas das dúas universidades implicadas. Esta posibilidade non varía o carácter presencial dos estudos, pero permitirá que os alumnos poidan conectarse á videoconferencia desde os seus PCs, sempre e cando o comuniquen con antelación para resolver problemas técnicos asociados. Como non todas as materias se poderán cursar usando este sistema, os alumnos interesados nesta posibilidade deberán contactar cos coordinadores do máster antes de realizar a matrícula.

As persoas interesadas en optar ás bolsas deberán remitir o expediente académico e o formulario de preinscrición ao enderezo electrónico informacion@cpeig.org antes do día 18 de outubro do presente ano. No envío, deberá figurar no asunto "Convocatoria Bolsa Máster Interuniversitario".