Pasar al contenido principal

O CPEIG proponlles aos partidos a integración nos programas de iniciativas a prol da informática

Símbolo do CPEIG

A xunta de goberno do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) decidiu, diante da convocatoria das eleccións autonómicas galegas, solicitarlles ás distintas forzas políticas que integren nos seus respectivos programas electorais un conxunto de iniciativas a prol da Informática e dos seus profesionais. As medidas que propoñen comparten o principio da importancia crecente desa disciplina e dos seus profesionais en todos os sectores produtivos, económicos e sociais de Galicia.

Nestes días, os candidatos que optan á presidencia do Goberno da Xunta de Galicia recibirán senllas cartas asinadas polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, nas que -ademais de solicitar un encontro persoal cos distintos líderes- se recollen as seguintes propostas:

  • O apoio inequívoco desde a Xunta de Galicia ao sector TIC galego, aproveitando o capital humano formado no sistema universitario galego e fomentando o emprendemento.
  • Afondar nas iniciativas dirixidas á incrementar a modernización tecnolóxica en ámbitos clave como son a sanidade, a educación e a xustiza.
  • Open Data e eGoberno: medidas de apertura cara á cidadanía, dentro do contexto do Open Data e eGoberno, co fin de facilitar a participación cidadá na construción da sociedade do futuro e na toma de decisións mediante ferramentas como as redes sociais, entre outras.
  • Creación dunha Axencia Autonómica de Protección de Datos que tamén estea dirixida a potenciar os beneficios do Open Data, baseado na liberación de datos co fin de propiciar o seu uso.
  • Creación do Observatorio do Sector do Software e Servizos informáticos de Galicia.
  • Acceso á función pública: creación dun corpo específico para a profesión de enxeñeiro/a en informática nas Administracións autonómica e local.

En opinión do CPEIG, a incorporación das iniciativas mencionadas aos programas electorais e, con posterioridade, a súa materialización dentro da acción de goberno do futuro executivo suporá un paso adiante no progreso e concorrencia de Galicia.