Pasar al contenido principal

EGAP e CPEIG organizan a Terceira Edición do Curso Superior de Administración Electrónica

Logotipo da escola galega de administracións públicas (EGAP)

Santiago de Compostela, marzo de 2013.A terceira edición do Curso Superior de Administración Electrónica, convocada pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG,) dará comezo o día 24 de abril e prolongarase ata o 12 de xullo. O prazo de matrícula mantense aberto ata o vindeiro 3 de abril.

O curso, dirixido polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, ofrece un total de 50 praza e a súa duración será de 114 horas, das que 84 serán teóricas e 30, prácticas. Ao abeiro do acordo existente entre o colexio e a EGAP, os colexiados e colexiadas obteñen un prezo especial na matrícula de 350€, fronte aos 500 euros que deben pagar aqueles alumnos non funcionarios.

A actividade formativa pretende afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica, na concepción da Administración electrónica, incidindo na importancia que ten a súa implantación nas distintas administracións de Galicia.

Os destinatarios do curso son empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do sistema universitario da comunidade, así como persoal contratado polas administracións públicas e os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

O Curso Superior de Administración Electrónica desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, As Fontiñas, en Santiago de Compostela. As persoas interesadas poden achar máis información na seguinte ligazón: http://egap.xunta.es/fichanova/id/1606