Pasar al contenido principal

O CPEIG participa este venres nunha mesa redonda no XUVENTUDE GALICIA NET

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participará o vindeiro venres, día 10 de maio, nunha mesa redonda sobre ICT-Go-Girls!, proxecto europeo dirixido a fomentar o emprendemento entre rapazas de secundaria a través das TIC. Intervirá, por parte do colexio, o seu presidente, Fernando Suárez Lorenzo. Será dentro das actividades organizadas co gallo do Xuventude Galicia Net, a maior land party galega que acolle o Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia de Santiago de Compostela durante esta fin de semana.

ICT-Go-Girls! (Promoting Entrepreneurship Among Secondary School Girls) é un proxecto europeo no que participan sete institucións e cinco países: Cesga e Universidade de Santiago (España), Die Berater e Danube University (Austria), Academy of Management (SAN) de Polonia, Fraunhofer IAO (Alemaña) e CVO Antwerpen (Bélxica). O obxectivo de ICT-Go-Girls! é facilitarlles ás mozas europeas que cursan secundaria o coñecemento, as habilidades e os valores para axudalas a ser quen de crear futuras oportunidades de innovación e de emprego de calidade relacionado co uso das tecnoloxías.

Para difundir a iniciativa, organízase a mesa redonda coa participación de expertos na materia: Marta González Bugeiro, CEO da empresa Smartbites; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñeiros Informáticos de Galicia; Eva López Barrio, directora do programa Woman Emprende da USC; e María José Rodríguez Malmierca, responsable da área de e-learning do Cesga e coordinadora do proxecto. O inicio da charla está previsto ás 18.45 H.