Pasar al contenido principal

O CPEIG promove a mellora da empregabilidade dos colexiados

Símbolo do CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de asinar un convenio de colaboración coa empresa CV Inteligente, máis coñecida como CuVitt, para mellorar a empregabilidade dos seus colexiados e colexiadas.

A través do acordo, os colexiados poderán dispoñer dunha landing page personalizada e asistir a un obradoiro que CuVitt organizará de xeito específico para o CPEIG. A empresa colaborará tamén nas publicacións do colexio, con artigos centrados en informar os colexiados a prol da súa mellor empregabilidade.

A empresa CuVitt naceu en 2010 co obxectivo de facilitarlles aos profesionais ferramentas para transmitir a súa diferenciación e avanzar no seu autocoñecemento. Trátase de mellorar as relacións entre profesionais e empresas coa creación de documentos de presentación que van máis aló do tradicional currículum.

A sinatura deste acordo representa un novo apoio do CPEIG para facilitarlles saídas laborais aos colexiados, como xa vén facendo a través da bolsa de emprego que ofrece a entidade. Cómpre sinalar que os colexiados gozan tamén de importantes vantaxes no eido da formación e en moitos sectores de interese, como o dos servizos sanitarios e xurídicos ou da hostalería, entre outros.