Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2013.- O proxecto Rede de Escolas na Nube http://www.escolasnanube.net/, baseado no emprego das TIC por mestras e mestres nunha contorna rural dispersa, resultou merecente do Premio Iniciativa Emprendedora, que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). A entrega do galardón terá lugar durante a celebración da quinta edición da Noite da Enxeñaría en Informática, prevista para o vindeiro 4 de outubro.
A Rede de Escolas na Nube, que traballa con cativos de entre 3 e 7 anos de idade, está orientada a proporcionar servizos de computación cloud para mellorar a aprendizaxe e a colaboración na escola rural. O proxecto está coordinado polo Centro de Supercomputación de Galicia e a participación de Balidea Consulting&Programming. Colaboran na iniciativa a Consellería de Educación e Amtega.
Para os responsables da Rede de Escolas na Nube, o proxecto pretende "analizar e deseñar unha contorna e servizos baseados en computación na nube para que sirvan como soporte dunha metodoloxía de traballo colaborativa, comunicativa e apoiada nas TIC para mellorar a educación e colaboración nas escolas espalladas de Galicia".
O proxecto nace da experiencia conseguida noutro proxecto piloto de investigación, "Rural Schools & Cloud Computing", no que se comezou a deseñar unha nube baseada en software aberto e sobre infraestrutura cloud para un colexio rural.
SOBRE O CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) é un dos colexios profesionais máis activos na defensa dos intereses dos seus colexiados. Constituído en decembro de 2007 e con sede en Santiago de Compostela, na actualidade conta con máis de 350 persoas colexiadas.