Pasar al contenido principal

A Secretaría Xeral de Igualdade e o CPEIG unen esforzos a prol da formación tecnolóxica das mulleres

Rede emprende en igualdade

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2013.- O Programa Rede-Emprende en Igualdade é unha iniciativa que nace froito da colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia a prol das mulleres. As accións formativas previstas puxéronse xa en marcha.

O programa, que nace como experiencia piloto, ofrece unha serie de cursos que comprenden asesoramento, formación e apoio a unhas 150 mulleres potencialmente emprendedoras, en busca de emprego e con ansias de formarse. O obxectivo é axudalas na posta en marcha ou modernización das súas empresas e na procura de emprego para fomentar a súa adaptabilidade e concorrencia no mercado actual. A iniciativa inscríbese no VI Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres. Estratexia 2013-2015, da Secretaría Xeral de Igualdade.

Son as colexiadas e colexiados do CPEIG quen se encargan de impartir como expertos na materia formación e asesoramento en varios aspectos: iniciación a Internet e redes sociais; novas tecnoloxías e emprendemento; novas tecnoloxías e busca de emprego, e redes e transposición de experiencias.

20 horas de duración cada curso

Cada curso ten unha duración de 20 horas, cun máximo de 20 alumnas en cada edición, e desenvólvese nas aulas existentes nos propios concellos ou a través da rede de aulas CEMIT, dependente da Xunta de Galicia. Nesta primeira edición piloto está prevista a formación de mulleres nos seguintes concellos: Guitiriz, Quiroga, Leiro, Xunqueira de Ambía, Valga, Abegondo, Porto do Son, Tui, A Cañiza e O Carballiño. O programa, que nace dun convenio subscrito entre a Secretaría Xeral de Igualdade e o CPEIG, púxose xa en marcha nos concellos de Guitiriz, Quiroga,Tui, Xunqueira de Ambía, Porto do Son e A Cañiza.

Eixe do Plan Galego para a Igualdade

Rede-Emprende en Igualdade responde ao eixe 3 do Plan Galego para a Igualdade entre Homes e Mulleres, que busca "outorgar un maior protagonismo ás actuacións que contribúan a facilitar a autonomía económica das mulleres galegas, o que leva a fomentar o seu acceso ao mercado laboral, así coma o seu desenvolvemento profesional e a posta en valor da súa iniciativa emprendedora", consonte á Estratexia para a igualdade entre mulleres e homes 2010-2015 da Comisión Europea, que sinala o seguinte: "a independencia económica é un requisito previo para que mulleres e homes poidan controlar as súas vidas e teñan unha auténtica liberdade para elixir".