Pasar al contenido principal

A creación de empresas en Galiza medrou un 14,6% en febreiro

Un total de 634 sociedades mercantís foron inscritas en Galiza durante o pasado mes de febreiro. Isto representa un incremento do 14,6% respecto ao mesmo mes de 2007. Este dato contrasta coa caída rexistrada no conxunto do Estado, que é do 16,7% durante o mesmo período, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Das 634 sociedades creadas en Galiza en febreiro, a práctica totalidade (628) foron sociedades limitadas, mentres que as seis restantes adquiriron a fórmula de sociedades anónimas. Ademais, outras 209 sociedades fixeron ampliacións de capital (198 limitadas e 11 anónimas), mentres que se realizaron 118 disolucións de sociedades, un 40,4% máis que en febreiro de 2007.

A Coruña segue a ser a provincia galega na que se constitúen máis sociedades mercantís, un total de 222 durante o pasado mes de febreiro, fronte ás 212 de Pontevedra, as 145 de Lugo e as 55 de Ourense.

Caracterización sector TIC galego

Segundo os datos do INE para o ano 2007, en Galiza existen 1.588 empresas no ámbito TIC o cal presenta unha taxa de crecemento respecto ao ano 2006 dun 7% . Non obstante, o sector TIC galego caracterízase por estar moi atomizado. O 84% das empresas TIC con asalariados, identificadas no ano 2007, corresponden a micropemes.

A distribución, por ámbitos de actividade, mostra que en Galiza existe un predominio moi claro das empresas de actividades informáticas, que representan o 82% das compañías do sector. En segundo lugar, mais a unha grande distancia, sitúanse as empresas dedicadas a "fabricación de maquinaria e material eléctrico" e a "telecomunicacións" que supoñen o 7% e o 6% das empresas do sector TIC respectivamente. As actividades relacionadas coa "fabricación de máquinas de oficina, equipos informáticos e material electrónico" representan o 5% restante.