Pasar al contenido principal

Convocada a Quinta Edición do Premio Proxecto Fin de Carreira / Master, dotado con 1.000 euros

V Premio PFC

Logo V PFC

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ven de convocar a quinta edición do Premio Proxecto Fin de Carreira / Master, dirixido a estudantes e recén titulados en Enxeñaría en Informática ou Master en Enxeñaría Informática. Poderán concorrer ao premio todos aqueles que presentaran, nos anos 2012, 2013 ou 2014 e nunha universidade galega, o proxecto de fin de carreira de Enxeñaría en Informática, traballo fin de master de Enxeñaría Informática ou de calquera outra titulación que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión. O gañador ou gañadora recibirá un premio en metálico de 1.000 euros.

Todos aqueles/as estudantes que queiran optar ao premio do CPEIG poden remitir a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo do proxecto e memoria completa do mesmo) ata o día 15 de maio ao seguinte enderezo electrónico: informacion@cpeig.org. Unha comisión experta, integrada por docentes universitarios  e representantes do CPEIG, valorará os traballos recibidos e seleccionará o gañador ou gañadora. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñibles  no portal www.cpeig.org.

Mediante este galardón, o ente colexial busca achegarse ao colectivo estudantil e defender as vantaxes da colexiación, ademais de estimular o traballo dos estudantes de Enxeñaría en Informática e Master.

O galardón do CPEIG insírese nos Premios da Sexta Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que o ente colexial organizará o 13 de xuño, en Santiago de Compostela. Este evento anual representa un punto de encontro entre todos os colexiados e conta cunha destacada participación de cargos institucionais e políticos.